CIG denuncia discriminación de traballadoras que secundaron o paro feminista do 8M

A representación  da CIG na compañía de automoción ZF Dalphimetal denuncia que a dirección non lle renovou o contrato a unha compañeira que participou no paro

8M 3

A representación sindical da CIG en ZF Dalphimetal España, empresa do sector da automoción con sede en Vigo, denuncia que a dirección vén de discriminar unha traballadora por secundar o paro feminista do pasado 8 de marzo non renovándolle o contrato. “ ZF Dalphimetal vén facendo contratos de traballo por acumulación de tarefas”, explican, “chegando a ter unha porcentaxe de perto dun 50% de eventualidade dende o repunte do sector da automoción”. O 16 de novembro do ano asado eran contratadas oito persoas, que ao cabo dos seis meses de contrato son todas renovadas agás tres delas: un traballador por estar en situación de ILT baixa, outro porque se negaba a facer horas extras “e o caso máis discriminatorio: unha traballadora eventual de fabricación por secundar a folga do 8M”, denuncia a central nacionalista.

“A empresa aproveitou que nese momento aínda non estaba constituído o comité de empresa que viña de saír do proceso de elección dos seus representantes, polo que os delegados da CIG optaron, en primeiro lugar, por denunciar verbalmente á empresa nunha reunión mantida con Recursos Humanos e solicitando documentación sobre contratación nesas datas; logo de revisar a documentación quedou en evidencia a discriminación da non continuidade destes tres traballadores, e en especial a discriminación da muller por secundar a folga”.

O sindicato afirma que a empresa argumenta o despedimento en causas de necesidade de fabricación, afirmando que os traballos que desenvolvía xa non eran necesarios. “Quedou en evidencia a mentira do departamento de Recursos Humanos, xa que segue a contratarse persoal para as mesmas tarefas que desenvolvía a traballadora”, sosteñen.

 “Queremos manifestar a máis rotunda repulsa a esta actitude discriminatoria e en especial de xénero, polo que non desbotamos  adoptar accións legais contra estas actitudes empresariais que vulneran dereitos fundamentais como é o de folga”.

Comentarios