BRUZOS CONSIDERA QUE DEBERÍAN "SEGUIR ADIANTE"

A dirección de En Marea suspende as primarias por unha presunta "intrusión" no censo desde o Comité Electoral

A partir das 11 horas do sábado o sistema electrónico para a votación interna de En Marea ficou suspendido por decisión da actual dirección do partido por unha presunta “intrusión” no censo electoral.

luis villares plenario

Aínda que entre as 9 e as 11 horas deste sábado as inscritas e inscritos ao proceso interno de eleccións ao Consello da Marea puideron votar a través da web https://medrando.enmarea.gal, a partir de entón o sistema (Agora Voting) ficou bloqueado a instancias da dirección de En Marea e, en consecuencia, as primarias ficaron paralizadas.

Anunciouno pasadas as 11.30 horas en rolda de imprensa o representante legal da dirección do partido perante a Axencia Española de Protección de Datos, Gonzalo Rodríguez. Informou de que a decisión veu determinada por unha suposta “intrusión” do Comité Electoral –na órbita do sector crítico– no censo do partido.

A solicitude de paralización das votacións produciuse, segundo Gonzalo Rodríguez, a instancias da resolución emitida na tarde da sexta feira, día 30 de novembro, pola Comisión de Garantías, órgano no que é maioría o sector próximo a Villares. Aliás, o representante de En Marea perante a Axencia Española de Protección de Datos anunciou que a dirección da formación política estuda recorrer aos tribunais polo que considera unha “intrusión non autorizada” de membros do Comité Electoral no citado censo. Precisamente, tras coñecerse na tarde da sexta feira a resolución da Comisión de Garantías, o Comité Electoral sinalaba publicamente que as votacións seguían adiante.

A candidatura Coidando a Casa, liderada por Luís Villares, emitía un comunicado de imprensa na madrugada do sábado para advirtir de que acataba a decisión da Comisión de Garantías, mentres que Entre Todas, a encabezada por David Bruzos, informaba a Sermos Galiza de que daba por válido o parecer do Comité Electoral ao entender que é o órgano ao que lle compete velar polas eleccións ao Consello da Marea.

Ao redor das 12 horas, a conta de Twitter de Podemos Galicia indicaba "Diversas compañeiras coméntannos que están a ter problemas para poder votar nas primarias de @En_Marea. Tras verificalo, informámosvos de que o proceso atópase suspendido. Seguiremos informando. Moitas grazas e desculpade as molestias".

Bruzos: "O Comité Electoral insiste nas plenas garantías democráticas"

20fc3122-e62d-4329-bf0a-f5fefb5dc3f8Ao pouco de se coñecer a decisión da dirección actual de En Marea de paralizar o proceso de eleccións primarias, David Bruzos, cabeza de lista de Entre Todas, a candidatura que aglutina o sector crítico, comparecía diante dos medios para nun primeiro momento valorar o desenvolvemento da xornada electoral. "Entre Todas, o interese último é que as inscritas poidan exercer o dereito que teñen a votar e a decidir a futura dirección de En Marea e con todas as garantías".

Na súa intervención, Bruzos fixo fincapé en que é o Comité Electoral quen ten a competencia en todo o que atinxa ás eleccións primarias de En Marea. "Nós temos a información de que o Comité Electoral insiste nas garantías democráticas", afirmou, "pensamos que [as votacións] deberían seguir".

Preguntado por xornalistas, puxo de manifesto que a Comisión de Garantías "funciona de forma irregular" e que "non ten competencias" no que respecta ao proceso de eleccións internas. Tamén sinalou que o Comité Electoral é un órgano "independente".

Máis en POLÍTICA
Comentarios