Inician dilixencias previas para investigar os accidentes laborais nas obras do AVE en Ourense

A CIG solicitará que se chame a declarar aos responsábeis das UTE e do Ministerio de Fomento.

obras AVE

A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Verín decidiu  incoar dilixencias previas para a investigación dos accidentes de traballo, algúns deles mortais, ocorridos nas obras do AVE na provincia de Ourense. Unha decisión adoptada  en base á denuncia presentada pola CIG de Verín e A Limia

No auto xudicial feito, informa o sindicato nacionalista, recoñécese que os feitos denunciados “presentan características que fan presumir a posíbel existencia de delito contra os dereitos dos traballadores, cuxa instrución corresponde a este órgano xudicial, segundo os artigos 14.2 e 15 da Lei de Enxuizamento Criminal, e demais normativa concordante”. 

Ademais, como primeira dilixencia a practicar ordena que se lle requira á Inspección de Traballo e á Seguridade Social de Ourense que remitan copia dos expedientes tramitados e das actas de inspección e/ou infracción levantadas con ocasión dos sinistros laborais que figuran na denuncia.

Unha vez feitas as dilixencias de investigación, a CIG, que fai parte do proceso en calidade de acusación particular, solicitaralle á instrutora que cite para que presten declaración os responsábeis das UTE adxudicatarias dos treitos do AVE na provincia e os responsábeis do Ministerio de Fomento.

Comentarios