O dilema do rugby: adaptarse ou perecer

"O deporte será con tests ou máscaras ou non será", aseveraba o secretario xeral para o Deporte hai dúas semanas. Mais, que pasa se a disciplina per se imposibilita o uso das máscaras e, ao non estar profesionalizada, os equipos non teñen recursos para sufragar os tests? Esa é a complexa encrucillada na que se atopa o rugby galego.
As expertas coinciden en que pretender xogar ao rugby convencional con máscara resulta "imposíbel". (Foto: Mairaphotosport).
photo_camera As expertas coinciden en que pretender xogar ao rugby convencional con máscara resulta "imposíbel". (Foto: Mairaphotosport).

A pandemia da Covid-19 puxo patas arriba todo o mundo do deporte, mais resulta innegábel que unhas disciplinas se viron máis afectadas que outras. Unha das máis prexudicadas foi o rugby, un deporte de máximo contacto que conta con movementos e xogadas como o tackle, o ruck ou o maul como paradigma.

Nun contexto no que, como sinalou o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, "a práctica deportiva na Galiza será con tests ou máscaras ou non será", a situación complícase sobremaneira para o rugby porque, como recoñece para Nós Diario Jos Portos, director técnico da Federación Galega de Rugby (FGR), "por moi forte que sexa unha máscara, nunha melé, ou mesmo simplemente disputando un balón, acabará polos aires ou nas orellas". 

Portos destaca ademais o feito de que o rugby se practica "en espazos ao aire libre, con choiva, en campos cheos de lama...", razóns pola que considera que "non é funcional" o uso da máscara, e ve "moi difícil" a súa imposición.

Isto únese ao feito de que a estrutura do rugby na Galiza está conformada por equipos totalmente amateurs, moi lonxe dos estadios de profesionalismo que alcanzan outros deportes como o fútbol ou mesmo o baloncesto, ou o hóckey, polo que resultaría moi complicado para estas entidades sufragar os gastos dos tests serolóxicos, e máis tendo en conta que as convocatorias son de 23 persoas, moi por enriba das 12 do balonmán, por exemplo.

Competicións sen data e adestramentos sen contacto

As incertezas provocadas pola situación sanitaria non paralizaron o deporte federado, autorizado expresamente pola Xunta, mais as competicións nin comezaron nin teñen data para o seu regreso salvo para os dous representantes galegos na División de Honra B, Ourense e Ferrol, que ocupou a praza dun Vigo que renunciou á categoría nacional "para non pór en risco a saúde duns xogadores que non cobran pola práctica deportiva".

Este sentimento é compartido pola práctica totalidade das persoas xogadoras do rugby na Galiza, como recoñece Fernando Núñez, directivo e adestrador no Muralla Rugby Clube da cidade de Lugo: "Todos temos unha familia e un traballo co que gañamos a vida, e contaxiarse xogando ao rugby podería colocar todo iso en risco".

No seu equipo retomaron os adestramentos a principios de outubro por primeira vez desde o mes de marzo, mais están desenvolvéndoos "con grupos reducidos de nove persoas e un técnico, e, por suposto, sen contacto", apunta Fernando Núñez. Pero, como se adestra un deporte como o rugby sen contacto? "Traballando o físico e os pases e incidindo na técnica persoal, porque o primeiro é a seguridade", apostila.

O obxectivo desta metodoloxía é "transmitir seguridade e contribuír, de paso, a minimizar o número de baixas, pois vemos que a xente ten algo de medo de practicar deporte, especialmente os pais e nais que nos mandan as súas crianzas", conclúe o directivo do Muralla de Lugo.

Cambiar o rugby para salvar o deporte

Unha das estratexias da Federación Galega de Rugby para deixar atrás ese medo e poder retomar as competicións é un cambio na normativa que revolucionaría o rugby tal e como se viña practicando até o de agora. A aposta da FGR pasa por adoptar unha regra que se coñecen como 'Tocado + 2 segundos', e que xa se emprega nas categorías formativas. 

Con esta forma de practicar o rugby, inventado a finais dos anos 60 do século pasado, o contacto físico que se produce entre as xogadoras é mínimo, xa que o único permitido é o toque coas dúas mans entre a cintura e o ombro da opoñente que realizan as defensoras para deter o avance da contraria. Unha vez tocada, a portadora do balón ten dous segundos para facer un pase, e se non o solta, este pasa automaticamente ao conxunto rival.  

Esta modalidade de xogo incide na velocidade, na axilidade, na coordinación ollo-man e nas habilidades co balón, co que ademais de aumentar a seguridade fronte á Covid-19 eliminando case totalmente o contacto físico e, polo tanto, facilitando o uso da máscara, fai desaparecer unha serie de "barreiras de entrada" ao rugby como o tamaño da persoa participante, abrindo a porta á existencia de equipos mixtos, como xa sucede en países como Australia, Reino Unido ou Suráfrica. 

 Ao director técnico da Federación Galega de Rugby non se lle ocorre "facer outra cousa para implantar a máscara e que se pareza ao rugby máis que esta modalidade", aínda que non oculta as súas dúbidas sobre a recepción que terá a súa introdución "entre algúns dos equipos senior". 

'Tocado + 2 segundos', a táboa de salvación

Criticada entre as máis puristas do xogo, esta forma de practicar o rugby reduce drasticamente o contacto físico, facilitando o uso da máscara. Por iso, a Federación Galega de Rugby proporá en asemblea un cambio na normativa para adoptala, polo menos, mentres dure a crise sanitaria.

Comentarios