Diego Santim: "Os dereitos das presas políticas hai que esixilos”

O rapaz vigués, acusado de colaboración con Resistencia Galega, saíu o pasado mes de maio en liberdade após pasar tres anos na cadea, en réxime FIES e dispersado

167-diegosantim-zeliagarcia
photo_camera Diego Santim en Vigo. Foto: Zélia Garcia.

O día internacional dos Traballadores, Diego Santim poñía o pé fóra da prisión salamantina de Topas, onde estivera internado os dous últimos anos. Alén dese centro penitenciario, Santim tamén pasou por Soto del Real (Madrid) e Dueñas (Palencia), amais dun breve ingreso nunha cadea galega. Integrante do Colectivo de Presas Independentistas Galegas durante o seu internamento, o mozo apoiou as accións de protesta contra a dispersión penitenciaria.

-Como está a ser este período de abandonar a dinámica da cárcere?

-Fatal, porque non me deron o subsidio ao saír da prisión. Tiña 2 meses de desemprego sen cobrar e dixeron que a prestación está por riba do subsidio. Así que só cobrei o desemprego, en xuño e xullo. Xa non teño nada. De feito, tiven que buscar traballo decontado. Agora traballo 12 horas ao día.

- Mantés o teu compromiso independentista?

-Estou involucrado no centro social A Revolta, que xa foi a primeira militancia que tiven. Polo demais, apoio sen militancia seria. Por exemplo, o Día da Patria lin o manifesto de Causa Galiza, aínda que non participe activamente e a diario.

-Como foron estes tres anos para ti?

-Non sei, tentei continuar a militancia dentro do que puiden. Houbo reflexión persoal, desporto, empecei a estudar Xeografía e Historia. É máis centrarse nun mesmo, manter a dignidade, loitar contra o sistema, os xaxúns nas últimas sextas feiras de cada mes… Pouco se pode facer.

-Até onde chega a prisión, a súa lóxica?

Ao final é unha situación onde se magnifica a dicotomía. Tes o represor en fronte todos os días. É quen abre as portas e quen as pecha. Calquera cousa que precises pasa por eles. O ámbito máis persoal ou íntimo está acaparado por eles.

-E as comunicacións co exterior, como son percibidas?

-Cortan calquera comunicación un pouco decente. Eu, por exemplo, tiven problemas para comunicar coa familia. Non me querían dar o tempo que me correspondía e despois en queixa o xuíz xa me deu a razón.

-Iso como foi?

-Ti tes dereito a 22 horas coa familia e logo outro bis coa parella, mais ao non ter parella estaba a mudar esas horas para estar coa miña familia. Mudaron o director e dixo que non se podía. Ao final, meses despois, déronme a razón.

-A pesar do control das comunicacións, nótase o apoio exterior?

-Si, claro. As postais que fixo Que voltem para a casa, por exemplo, son ar fresco, moito ánimo. Porén, tamén tardan en chegar.

-Foste detido en 2012 en Vigo, e condenado en 2015 a tres anos por colaboración con Resistencia Galega. Como foi para ti o momento da detención e o proceso xudicial?

-A detención non é que fora esperada, mais si que podía pasar. Eu agradecín entrar en prisión despois dos tres días coa Garda Civil porque foi un momento de descanso, de entrar na cela e poder durmir. Logo, o xuízo encareino tentando manter a dignidade. Aceptei tres anos mais o fiscal pedía moito mais, ao principio solicitaba 22 anos. O avogado fixo moito.

-Como foron eses primeiros momentos coa Garda Civil?

-Foron oitenta horas, tres días e algo. Estaba absolutamente incomunicado. Ao primeiro é peor, logo o segundo día cada 12 horas tes unha forense que che di que hora é e pouco máis.

"Ao final, a condición de preso político depende do resto. Por moito que penses que o es, se o resto non te recoñece, pouco fas"

-Durante estes anos, alén do apoio de Que voltem para a casa e do teu entorno, como foi a relación co resto de independentistas presas? É necesaria esa dimensión colectiva?

-Claro. Ao final, a condición de preso político depende do resto. Ti por moito que penses que o es, se o resto non te recoñece, pouco fas. O resto ou o propio Estado, que tamén recoñece, mais tacitamente: o réxime FIES, o primeiro grao, a dispersión… Ao final, aínda que non te recoñeza directamente, está actuando contra ti como tal.

-Estes últimos meses entrou no debate público a eliminación da dispersión penitenciaria das presas cataláns. Como ves que isto pode influír na situación das presas independentistas galegas?

-A ver se de rebote, non? Eu penso que non nos van agasallar nada. Tamén penso que a plataforma está intentando que se acepte o traslado aquí, mais non vai ser agasallado. Hai que pedilo e esixilo.

"Cuns arames electrificados, podes evitar que a xente escape, mais a xente podería ver o que pasa dentro e iso non interesa"

-Pensas que hai abonda concienciación social sobre as presas políticas? Os centros penitenciarios están moi lonxe da ollada pública mesmo fisicamente, localizados fóra dos espazos habitados.

-Agora as prisións novas, as grandes, desde a década dos 90, xa están afastadas das cidades. Xa non son as de antes, que case están no propio núcleo. Hai unha cita que di "os muros das prisións non son tan altos para evitar que escapen os presos, senón para que non poidamos ver o que hai dentro". É dicir, podes evitar que a xente escape cuns arames electrificados, mais a xente podería ver o que pasa dentro. Ao final, interesa máis que non se vexa, interesa o oscurantismo, que non se saiba o que pasa dentro… As institucións penitenciarias teñen a súa propia sección de sanidade e de case todo. O Ministerio de Sanidade alí non fai nada, e digo médicos, como inspeccións das cociñas, como tratamento dos funcionarios. É todo interno, non hai nada fóra do Ministerio de Interior que regule as prisións.

-Desde Que voltem para a casa manteñen que a loita das presas políticas segue a ser unha cuestión de dereitos humanos coa que todos podemos empatizar. Pensas que hai concienciación?

-Socialmente non hai consciencia. Dentro do nacionalismo hai simpatías e coñecemento, mais fóra non. Confúndese moito o que son os dereitos humanos, ter un réxime de vida decente, con estar de acordo co que fixemos ou non. Moita xente xustifica a situación co tema da violencia, penso eu. A percepción social é moi distinta co tema dos cataláns, porque está claro que non exerceron violencia ningunha e aí si lles parece un escándalo que estean lonxe da casa, que non poidan comunicarse coa familia… Porén, cos vascos, cos GRAPO, con nós… condiciona moito o tema da violencia.

Comentarios