TATI MANCEBO, COORDENADORA DO A FONDO

"Dicir que o blogomillo está morto é un tópico"

Que foi do blogomillo? Cal é a actualidade dos blogues en galego? Analizámolo no A Fondo que, esta semana, está a coordenar Tati Mancebo.

tati mancebo 2 380

Hai xa máis dunha década que María Yáñez dicía iso de "outra vaca no blog (millo)". Eran aqueles momentos de eclosión. Mais dunha década despois, as redes sociais semellan telo deixado en segundo lugar. Ou tal vez haxa xa tantas ducias e centos de vacas na leira que xa non sexa pertinente unha etiqueta para nomear unha comunidade emerxente. Analizámolo con Tati Mancebo, a coordenador dun A FONDO que sairá a rúa, conxuntamente co número 121 do semanario Sermos Galiza, esta quinta feira 6 de novembro.

-Levamos algo máis dunha década de blogomillo. Cal é a pertinencia de abondar na actualidade dos blogues, como se fai neste A Fondo?

-As redes sociais céntranse no concepto de inmediatez, mentres que os blogues o fan na idea de almacenamento e organización permanentes de contidos. Os perfís das redes sociais son entidades que se definen en relación ás súas redes de contactos, mentres que os blogues foron e seguen a ser diarios, individuais ou grupais, de comunicación co mundo, coa intención de chegar a toda persoa que poida interesarlle un tema ou o un punto de vista particular sobre ese tema.

-Que terías que dicir fronte á quen di que o blogomillo está morto?

-É un tópico similar a outros tantos que parte dunha necesidade de definir que temos as persoas. Dicir que algo está morto é unha boa maneira de poñernos a pensar que é, aínda que acabemos chegando á conclusión de que non estaba tan morto como parecía.

"Dicir que algo está morto é unha boa maneira de poñernos a pensar que é, aínda que acabemos chegando á conclusión de que non estaba tan morto como parecía."

-Que aspectos concretos do blogomillo se tratarán neste A Fondo e por que?

-Tentamos mostrar unha visión máis ampla do panorama que habitualmente se pinta. Cando se escribe sobre blogues, axiña aparecen nomes como os de Manuel Bragado ou Manuel Gago, dous exemplos de pioneiros que seguen a ser dos máis relevantes na nosa comunidade, mais esta vez ímonos desculpar con eles e mostrar outras vertentes, tanto en referencia aos contidos, como aos autores. Por exemplo, Mallando no Android é un blogue colectivo que está entre as páxinas en galego máis vistas, e é un blogue.

-Pedro Silva, de Blogaliza, analiza o papel dos blogues como arquivo. É esta unha vantaxe clara fronte ás redes sociais?

-Non falaría de vantaxes, senón de medios distintos para propósitos diferentes. A proba está en que non son actividades excluíntes, non é como ser do Celta ou do Dépor, podes ter un blogue e perfís en redes sociais e utilizalos para actividades diferenciadas.

"Non son actividades excluíntes, non é como ser do Celta ou do Dépor, podes ter un blogue e perfís en redes sociais e utilizalos para actividades diferenciadas."

-Por que te decidiches por Martin Pawley como entrevistado deste A Fondo?

-Martin Pawley aproveita o mellor de cada medio para comunicarse, establecer relacións e levar adiante proxectos sen necesidade de defender unha reflexión teórica permanente sobre cada unha das ferramentas. El  é a primeira persoa a quen eu escoitei a palabra blogue, a mesma que segue a bloguear e a tuitear e que hai un tempo que se retirou de Facebook porque lle quitaba máis do que lle daba. É para min a proba de que o importante son os contidos, de que tanto os blogues como as redes sociais sen substancia son pura chatarra.

-Gracia Santórum debrúazase neste A Fondo sobre a estreita relación entre blogues e escola. É quizais este un dos ámbitos no que os blogues permanecen máis vivos e funcionais?

-Sería moi longo de explicar e o tema talvez mereza unha reportaxe propia. A resposta breve é afirmativa; a longa fala da idoneidade dos blogues para o día a día da aula, das limitacións técnicas e económicas e, sobre todo, do tremendo esforzo que, sen axuda, están a facer xs docentes para actualizar desde a aula un sistema educativo caduco e desvalorizado.

-O mundo virtual semella de continuas caídas e nacementos de novos xigantes. Xurdiron con forza os blogues e decaeron fronte ás redes sociais. Houbo tamén un momento de eclosión de redes como Tuenti que acabaron por esmorecer e o mesmo se di agora que pode pasar con Facebook. Permanecerán os blogues fronte ao carácter máis efémero das redes sociais?

-Como dicía antes, son medios distintos con fins tamén diferentes. O seu futuro, como o de tantas cousas, non depende en primeiro lugar da súa idoneidade, senón dunha coincidencia de circunstancias. Un blogue non é máis que unha páxina web que organiza os seus contidos segundo un criterio cronolóxico. Neste sentido, parece lóxico pensar que este esquema ten aínda un longo percorrido por diante; de feito é o mesmo das contas de YouTube de maior suceso, non deixan de ser videoblogues persoais.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios