Balance de visitas de 2020

O dicionario da RAG supera as 105.000 buscas de media ao día

A Real Academia Galega (RAG) fixo público, na xornada de hoxe, o balance do número de visitas recibidas no portal do seu dicionario durante 2020. 
rag
photo_camera Imaxe do portal da Academia e do seu dicionario. (Foto: Nós Diario)

Á luz dos seus datos, o dicionario da Real Academia Galega (RAG) superou as 38.500.000 buscas, máis de 105.000 ao día de media, o que implica que as consultas medraron case 50% con respecto a 2019, ano no que xa se producira un incremento por riba de 18% con respecto ao 2018, cando se chegara ás preto de 26.000.000 procuras. 

Segundo a comunicación da Academia, a entrada en vigor do primeiro estado de alarma por mor da pandemia da Covid-19 marcou un punto de inflexión nestas cifras e rexistrou a marca histórica de buscas no mes de maio, que fechou con máis de 4.800.000. 

O dicionario en liña da RAG entrou en funcionamento en 2013 e, desde entón, “esta ferramenta esencial da lingua galega non deixou de medrar”.

Ademais aumentou a súa utilidade social “de maneira evidente durante o confinamento, cando milleiros de persoas tiveron que teletraballar e o estudantado continuou co proceso de aprendizaxe pero de modo telemático”.

Vocabulario e Covid-19

A Covid-19 non só deixou pegada no referido á consulta das ferramentas dixitais da Academia senón que tamén imprimiu a súa impronta entre as novas acepcións, en lemas xa presentes no dicionario.

A entrada de "gromo" incorporou así o significado referido á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar; e a de "repunta", a que atinxe á nova aparición de algo, especialmente cando se trata dunha enfermidade epidémica, nun lugar no que xa se daba por controlada ou, cando menos, en vías de desaparición.

Comentarios