Tres días de "paro armado" en Colombia

Despois de máis dun ano sen diálogo entre o Exército de Liberación Nacional (ELN) e o Goberno colombiano, a guerrila estabeleceu esta fin de semana un bloqueo nas zonas que controla.
eln2
photo_camera O ELN rexistrou un crecemento desde 2011 e consolidouse en territorios antes ocupados polas FARC (Nós Diario)

O Exército de Liberación Nacional (ELN) saúda o pobo colombiano e informa que: decretamos Paro Armado no territorio nacional durante 72 horas. Inicia o 14 de febreiro ás 6 am e termina o 17 de febreiro ás 6 am de 2020", sinalou a guerrilla nun comunicado feito público a comezos desta semana.

O Goberno de Colombia rompeu hai un ano as negociacións de paz co ELN tras un ataque con coche bomba desta, en resposta ao bombardeo dun dos seus campamentos. Desde entón, a Administración colombiana e o ELN manteñen unha guerra de baixa intensidade sen visos de solución pactada.

No seu comunicado, pediu que "a poboación permaneza nas súas vivendas e sitios de traballo". O paro leva consigo o bloqueo das vías de comunicación, aínda que permitirá o paso ás persoas que precisen tratamento hospitalario, "así como tamén o movemento de familiares para atender asuntos fúnebres". O texto íntegro pode ser consultado na páxina web eln-voces.net.

Non é a primeira vez que o ELN decreta un "paro armado" desde a ruptura de negociacións. En febreiro de 2017 iniciaron conversas de paz en Quito, Ecuador, para finalizar con cinco décadas de enfrontamento. En outubro dese ano, con Juan Manuel Santos de presidente, pactouse unha tregua de cen días, mais o reinicio das hostilidades ao termo desta liquidou as negociacións.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios