O PARLAMENT INVESTIRá O NOVO PRESIDENT

Un día histórico para o independentismo catalán

Este domingo, 10 de xaneiro, será un día histórico para o independentismo catalán após Junts Pel Si e a CUP chegaran a un acordo para facer avanzar o proces soberanista. Esta mesma tarde terá lugar a investidura do novo president, Carles Puigdemont.

Catalunya
photo_camera Catalunya

Todos os ollos volven estar postos en Catalunya após o acordo de Junts pel Si e a CUP que permite dar un paso adiante no proces soberanista. Ás 23.59 horas deste domingo remata o prazo para investir president e, en consecuencia, para evitar unhas novas eleccións. O bloc soberanista garantirá antes desa hora as dúas cuestións. Desta maneira, ás 16h reunirase a Xunta de Portavoces do Parlament para unha hora após investir o novo president.

O pleno extraordinario do Parlament desta tarde investirá Carles Puigdemont como máximo responsábel da Generalitat. En virtude do acordo entre Junts pel Si e a CUP, a investidura do alcalde de Girona como 130º president terá lugar na primeira volta.

Que acontecerá coa CUP?

Segundo o acordo, dous parlamentares da CUP integraranse na dinámica parlamentar de Junts Pel Si para garantir a estabilidade. Ademais, os “cupaires” comprometéronse a “non votar en ningún caso no mesmo sentido que os grupos parlamentares contarrios ao proces ou ao dereito a decidir cando estea en risco a estabilidade”.

Na tarde do sábado, a CUP fixo autocrítica pola “belixerancia” que mantivo nas últimas semanas e insistiu en que manterá un grupo de dez deputados e deputadas, de maneira que os dous deputados que dimitan continuarán vinculados ao grupo, mais sen a acta, segundo publica NacioDigital. Polo de agora, descoñécense os nomes destas dúas persoas.

O perfil do novo president

Xornalista de profesión, Carles Puigdemont (Amer, 29 de decembro de 1962) traballou no diario El Punt de Girona, onde ocupou o cargo de redactor xefe, para após poñer en marcha proxectos persoais relacionados co xornalismo. En 2004 creou Catalonia Today, medio informativo en inglés, e en 2009 fundou a Agència Catalana de Notícies.

No ámbito político sempre estivo ligado a Convergencia. Na década dos oitenta, integrouse na Joventut Nacionalista de Catalunya (JNC) e en 2004 ocupou a Dirección da Casa da Cultura de Girona.

Deputado no Parlament desde o ano 2006, en 2007 foi cabeza de cartel de CiU en Girona. A partir de entón encabezou a oposición municipal fronte á hexemonía do PSC nesta cidade. En 2011 fíxose co bastón de alcalde.

Nas eleccións do 27S ocupou o terceiro posto na lista de Junts Pel Si por Girona e saíu reelixido deputado. 

O seu compromiso firme coa independencia de Catalunya levouno a substituír Josep Maria Vila d’Abadal á fronte da Asociación de Municipios pola Independencia (AMI).

Máis en Països Catalans
Comentarios