48 horas con Fraga

O día que Fidel Castro arribou na Galiza

Resgatamos a información publicada en Sermos Galiza con motivo do 90º aniversario de Fidel para facermos memoria da súa visita a Galiza, que tivo lugar en 1992.

Fraga e Fidel Castro
photo_camera Fraga e Fidel Castro xogando ao dominó [Imaxe captura da CRTVG]

"Foi un momento extraño. Fidel, o Caribe, o polbo, Fraga...". Así lembraba a viaxe do "comandante Fidel", unha das voces que participou no documentario, Fidel y Fraga, sin embargo de Bambú Producións arredor da histórica recepción do líder da Revolución cubana en Galiza. 

Era 1992 e o país estaba gobernado por Manuel Fraga Iribarne, un ex-ministro franquista, fillo de emigrantes galegos en Cuba. Fronte a el, Fidel Castro, un cubano fillo tamén de migrantes procedentes, no caso do pai, Ángel Castro Argiz, da localidade luguesa de Láncara. As distancias ideolóxicas entre ambos os dous non impediron a visita, din que por vontade do propio Fidel, mesmo as loubanzas e tamén a emoción de Castro por coñecer a casa e os predios familiares.  

Fidel reivindicouse "neto de campesiños pobres" e "fillo lexítimo de Galiza" recollendo das mans do goberno municipal da localidade o título de Fillo Predilecto que, en 2016, lle foi concedido tamén ao seu irmán Raúl, actual presidente de Cuba. 

De facto, a visita do comandante cubano tiña por obxecto recibir ese galardón mais tamén devolver dalgunha maneira a Fraga a viaxe que este fixera a Cuba un ano antes (1991). Non corrían bos tempos para a Revolución cubana, hai que dicir. Desmembrada a Unión Soviética, viñan anos de endurecemento do bloqueo económico e comercial imposto polos Estados Unidos en 1962 e de rexeitamento político a nivel internacional.

Fraga pediu en diversas ocasións e publicamente o fin do bloqueo económico e comercial imposto polos EUA a Cuba

Mais o presidente da Xunta, na súa particular personalidade, sinalouno como "símbolo da independencia" e mesmo pediu en diversas ocasións publicamente o fin do embargo toda vez que "rematou a guerra e a posguerra fría", aseverou na Habana en outubro de 1998 cando voltou á illa caribeña para ser recoñecido como doutor Honoris Causa da Universidade de Oriente. Porén, Fraga tampouco perdeu oportunidade coa visita de Fidel Castro ao país para o instar a introducir mudanzas no proxecto político cubano. Recomendacións, así as cousas, que caeron no baleiro. 

Fidel Castro estivo na Galiza apenas dous días, acompañado --mesmo escoltado-- en todo momento por Fraga, e cunha axenda cargada de festas e convites gastronómicos, moi do estilo do finado mandatario da Xunta. Polbo á feira, viño e moita auga ardente acompañadas de música, gaiteiros, bandas municipais e mesmo unha partida de dominó que, segundo recollen as hemerotecas, gañou Fraga. 

Aquela foi a primeira e única visita do líder revolucionario cubano a Galiza. Raúl Castro, na altura vice-presidente primeiro dos Consellos de Estado e de Ministros, tamén se achegaría até a vila para coñecer a morada familiar, fíxoo aproveitando unha viaxe oficial até Porto. Era marzo de 2011 e aquel achegamento foi recollido apenas no Granma. Non houbo festa para el. 

Comentarios