Día do Libro con Manuel María nas voces de todo o país

O 23 de abril ten un protagonista e chámase Manuel María, cuxa obra será lida publicamente en todas as cidades e boa parte das vilas do país. Alén disto, a cultura galega está presente en moitos puntos fóra do seu territorio. 

manuelmaria-ferrin-novoneyra
photo_camera Imaxe de Manuel María con Darío Xohán Cabana, Méndez Ferrín e Uxío Novoneyra [Fonte: Fundación Manuel María]

No país a iniciativa protagonista deste Día Internacional do Libro é “Manuel María na túa voz”, posta en marcha pola Fundación que leva o seu nome en colaboración con concellos e asociacións de todo o territorio. Fragmentos da súa obra serán lidos en actos públicos en localidades como A Coruña, Vigo, Compostela, Ferrol, Pontevedra, Lugo, Carral, Carballo, Cedeira, Betanzos, a Pobra do Caramiñal, Rodeiro, Lalín, A Laracha, Xermade, Vilalba, San Sadurniño, Ribeira, Redondela, Arteixo, Cambre, Oleiros, Outeiro de Rei, Bueu, Boiro ou Redondela.

Nesta web da Fundación Manuel María pódense consultar lugares e horarios de todas lecturas públicas. 

Sant Jordi

Artistas galegos tamén estarán presentes no Sant Jordi catalán. É o caso de Diego Ameixeiras, que estará asinando exemplares nas Ramblas barcelonesas e continuará varios días na cidade en varios actos académicos. O sábado tamén se presenta no centro Galego de Barcelona o primeiro disco de Gelria, 'Cantos de poeta', unha formación galego-catalana que vén de publicar un disco que fai un percorrido musicado pola historia da poesía galega. 

Bos Aires e Ann Arbor

A capital da cultura galega estes días é Bos Aires. Alí a quinta feira comezou a Feira do Libro na que Santiago de Compostela é cidade convidada e no 23 de abril haberá múltiples actividades: desde un encontro con Domingo Villar, até un festival de poesía con Cesáreo Sánchez, Yolanda Castaño ou Luís G. Tosar; ou presentacións de libros de Ledicia Costas ou Fina Casalderrey, entre outras moitas opcións. 

Outro dos epicentros culturais é Ann Arbor, unha cidade do estado de Michigan (Estados Unidos), que acolle o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, que remata o 23 de abril con relatorios de galicianistas de todo o país, ademais da presenza de persoeiros da cultura galega, como os escritores Miguel Anxo Murado, María Reimóndez e Suso de Toro; os xornalistas Pemón Bouzas e Xosé Manuel Pereiro; o produtor audiovisual Felipe Lage; os cineastas Eloy Enciso e Lois Patiño; o fotógrafo Manuel Sendón, ou o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero.  

Comentarios