UGIA PEDREIRA

"O día despois do último concerto chorei e sentín medo mais logo veu a alegría"

O día despois do último concerto de Marful, a pasada sexta feira en Compostela, a súa voz, Ugia, confesa que chorou moito. Despedíase dun proxecto que ela creara e acariñara durante catorce anos e dous discos. Baixa Ugía dos escenarios, o seu entorno natural, para abrir unha nova etapa na súa vida. 

Ugia Pedreira
photo_camera Ugia Pedreira

Ugia Pedreira dille adeus a Marful como tamén a súa relación con proxectos que ela promoveu como aCentral ou Acróbata, para sacar "cousas encima do lombo e dos ombros" e dirixirse máis lixeira á Mariña, para volcar toda a súa enerxía na súa filla Lua. 

-Marful despídese dos escenarios, o seu espazo natural, trátase dun adeus definitivo da banda?

En principio para min é un descanso escénico e do "negocio"musical en xeral . Xa fai tres anos mais ou menos que veño cansa de todo isto. Mas quen sabia que ía ser pola causa tan crúa e mestra. No que poda paso agora a dinamismo estático. O que se entende como actividade profesional é esencial mas tamén agotadora e importante só na superficie. Logo o retorno supoño será renovación. Na vida , o corpo fala mais do que podemos parolar como chimpancés com inteletos. Seino. Xa se irá vendo se como namorados estamos por necesidade ou porque nos queremos, nos necesitamos. Quen sabe! Eu en acción ,en palabras. xa me despedín dos meus compañeiros con quen fixen unha viaxe marabillosa, eles son canela pura. Se voltamos por algo bon, será, e se facemos paréntese, tamén. Pensa ben e acertarás!

"Ficará o que fica noutros casos musicais : As cancións que vos puideron servir nun momento da vosa vida para amar, chorar, cantar, rir, compartillar, lembrar...."

-Durante catorce anos, ofreceron unha “seductora” maneira de se achegar á música, evocando os sons dos salóns de baile e a música traída de alén dos mares. Que significou a irrupción desta nova maneira de facer que trouxo Marful?

Propuxemos unha sonoridade con arranxos traballados e en harmonia coas emocións que queriamos trasmitir, propuxemos unha elegante forma de estar, ou intentamos creo. Propuxemos unha atención ás orquestinas, aos espazos de baile, á música galega en América. Propuxemos unha letras libres que falan da vida vivida dunha xeración de fillos de pais da transición, a xeración masivamente acarreirada, viaxada, inconformista, entre a cidade e a aldeia, a vila, unha xeración menos confortábel que a seguinte. Tocounos así. Propuxemos parella de baile tango entre homes, propuxemos a conxunción no mesmo palco entre danza contemporánea e tradicional coa individualidade escénica de Mercé de Rande e a primeira vez que Henrique Peón bailaba só. Propuxemos unha maneira de chegar ao público sen empregar as leis comúns do marketing. Propuxemos e botamos por fóra o que tiñamos dentro facendo cada un o que quería na composición . Etc, etc, E quen soubo recoller isto para reelaborar outra vez, pois xenial, porque iso é seguir a estela da música popular. Para min é unha grande beizón ver cousas nosas nas novas xeracións. E se mo din entón arroibome de felicidade por ser útil. Todos fagocitamos e comemos con permiso ou sen el, lei de vida. Outra beizón foi ser tratada con respecto e identidade dentro dunha banda masculina. Os tres cabaleiros Marcos, Pablo e Pedro fixeron os seus cambios de chic e eu tamén para poder afirmar tal cousa. Conseguimos ser nós mesmos facendo o que nos petaba dentro e fóra do palco para darnos na música, para darvos a música. 

-En dous discos agrúpase un traxecto no que a banda logrou subir ás cimeiras da nosa música. Que quedará de Marful ao baixaren do escenario por última vez?

Dous discos en amplo tempo porque cocimos lentamente tudo. Tamén coñecernos foi lento. Ficará o que fica noutros casos musicais : As cancións que vos puideron servir nun momento da vosa vida para amar, chorar, cantar, rir, compartillar, lembrar....E os momentos de pensamento e sentimento que vos puidemos dar nos concertos ou nas conversas. Polo tanto, ao dar isto de forma branca  tamén recebes o mesmo. Lembro especialmente o silenzo acadado coa nosa música, ese silenzo de suspiro, asimilación e integración. Lembro profundas conversas con xente no público e as cartas, poemas e cancións que fomos recebendo. E sobre tudo lembro a mirada do espectador-a, esa mirada que me convertía por uns intres en fada galega, é dicer, en moura, en encantadora, en sanadora... recebendo o seu sentir ou o seu factum . Os ollos da xente que escoita a nosa música déronme moita información para saber cómo continuar. 

"Vivo a música de maneira natural desde pequena e desde pequena compoño cancións. Sempre seguín o  instinto e sei que é hora de apartarse de lugares e persoas".

-Vostede é unha muller de infinidade de proxectos. Abonda ver a súa biografía para adiviñar unha imaxinación inqueda e creativa. Pechar a porta de Marful significa abrir outras novas?

Supoño. Para abrir unha etapa outra terá que fecharse. Agora vou seguindo o que a miña nena Lua me trae. Ela é a pequena, polo tanto, a sabia da familia e vaime dicindo por onde voar. Creo que as crianzas elixen a familia onde criarse. Que veñen para facernos mais libres e mellores. Adicarlle tempo á familia é unha grande residencia artística, o maior master que hai porque ves o grande espello do que unha é e do que non quere ser xa, adicarlle tempo á familia que me tocou é aprender a viver en sociedade no lugar, aldeia, paroquia, bairro, cidade, país, estado. Unha familia é unha proxección de todo isto. Entón en principio o que máis me apetece é ir as queridas e iodadas praias da Mariña, seguir a compoñer é inevitabel e aprender a estar no instante coidado, imprescindíbel.

-Que razóns levan a dicir adeus a unha banda? Son temas persoais ou hai tamén desencanto polo momento vivido?

O meu caso fixo coller carreira e saltar a grande velocidade limpando e sacando ruido da miña vida e centrándome a dar teta só onde a tiña que dar (pena que non fose literal). A Lua, depois das operacións, diagnosticáronlle paralise cerebral, un saco onde tudo cabe e agora sei que todas somos paralíticas en algo. Ela como amazona conquistou esta vida minuto a minuto desde o nascimento. Admíroa moitísimo e ao seu pai home-femia tamén. A música é o centro da sua vida, di a tía Senlle. Porque tamén é o centro da nosa. Grazas á musica conseguiu un mundo particular de maior expresión, conexión corporal, memoria, mesmo comer. Esa é a prioridade, Ela, polo tanto, eu. Asi si ou si vou coñecer profundamente o poder curador do meu oficio. Vivo a música de maneira natural desde pequena e desde pequena compoño cancións. Sempre seguín o  instinto e sei que é hora de apartarse de lugares e persoas.

"Desde aquí con Chus Dominguez  como mamá, Marina Oural e Uxía como madriñas, estamos articulando terapias de NeuromovementoCraneal para Lua, para Rui e tanta xente que precisa axuda e quere tela a este nivel finísimo. As primeiras terán lugar na Illa de Arousa en novembro". 

-Da súa man chegaron á música galega proxectos que mostraban unha confianza persoal poderosa. O proxecto de aCentral Folque é un deles. Vaise desvincular tamén da súa dirección?

Confianza? Dun poderoso risco queres dicer. En cada reto e medo a superar había, hai, un  interese en coñecerme aportando e axudando. E se o outro que teño ao fronte fai o mesmo entón encontro a diana da plenitude.  Desde o embarazo e coas complicacions funme desvinculando de muitos asuntos de aCentral. E tamén creo que así puden axudarlles a mirar na distancia o que acontecia coa miña ausencia. Mas tamén estiven en contacto porque é a miña familia elexida desde hai tempo e alí aprendín muito do que son. Este proxecto abre unha maneira de viver a música neste pequeno recuncho de Europa tanto no artesanal dos instrumentos, como nos conceptos estéticos, como na educación, outra forma de produción, de descobrir mundos que estabam neste e tan esmagados ou tapados que non se vían, este proxeto dá oportunidade de vida a muita xente que foi, quedou, veu, entrou, saiu. Este proxecto abriu a caixa da música popular urbán. Recibimos persoas de Euskadi, Franza, Portugal etc para exportar a proposta tal cal é.  Sei perfetamente o que apuxamos con esta equipa e quen, quen nos axudou en palabra e obra. Sei perfectamente o efecto dominó que se provocou mil veces por existir aCentral para que hoxe en dia haxa unha historia ou outra. Mas cada un conta o conto á sua maneira e a memoria como a tradición é traidora. Lévome ao norte todo guardado e feliz me fai ver como agora aínda a vida me deixa desfrutar  de novas bolboretas que se pousan sen peso perto e me ensinan:  ALBA MARIA, unha xoven voz sen oficio con unhas cancións impresionantes está apoiada pola súa escola e polo seu centro para comezar a sua carreira musical. A calidade e visión de futuro de aCentral é valiosísima, e a ignorancia coma sempre, perdonabel.  Este proxecto como en Sargadelos xa fixo, xa calou. Son tempos cheos da néboa do ego e do diñeiro, onde sae a parte escura do ser. Carne podre en envoltorio chic. Un dos males da humanidade dicía o trotamundos O Naranxo de Lalín (cóntoo sempre porque me mpactou muitisimo). Eu aponto ademais a soberbia por abundancia e o grande aborrecimento. Estou traballando en min, no meu desenvolvemento persoal a tope e vou atopando xente que está no mesmo ponto, me axuda e me entende, si. A vida con Lua é dunha exixencia brutal entón O Absoluto son as miñas asas. Filosoficamente creo na maneira de facer de aCentral decidan fechar ou non, cos erros e cos acertos, uns sen os outros non existen, porque coñezo e vivín o proceso, a experiencia éche o que conta. 

-O seu nome aparece en multitude de parcerías con multitude de artistas. Continuará despois de Marful con ese encontro musical e de camaradaxe?

O outro dia o meu compañeiro Pierrot díxome que eu non era cantora, nen cantante. Que eu cantaba a vida. E creo que si. Vou cantando a vida con quen vai cadrando na miña vida. 

-Como queda aCentral se vostede marcha? Que balanzo fai desa iniciativa na que meteu tanto entusiasmo?

É un pouco feo ter que sacar curriculum de aCentral, fixéronmo unha vez no espectáculo Dillei e aprendín que ás veces non queda outra maneira. E tamén vin unha entrevista a Maruxa Mallo nos seus últimos anos e non lle quedou tampouco máis remedio. Repetir e repetir, repetir, como falar con nenos que somos. Joselín, Granell, a renovación da Escola Livre da Mpg...  non estiven nestos proxectos de cheo. Estiven atenta ás novidades e din a miña opinión. Xa fai tempo que aprendin a delegar porque xa obedecín e xa mandei.  A Escola Livre da Mpg desta volta tivo unha renovación necesaria de profesionais do ensino. Caras novas con Henrique Peón nas aulas de canto é un luxo e unha nova enerxia. Quero dicer mentras haxa alguen disposto e coa vontade no proxecto, continuará. Como che dixen na pergunta darriba. Síntome tremendamente orgullosa de toda a xente que limpa os camiños para que outros pasen e só alguns teñen verdadeira consciencia de como se limpan. Neste país afortunadamente hai muitas persoas que se arriscan para ser úteis na sociedade sen pedir nada a cambio, refirome sobre tudo a non pedir recoñecemento nen aplauso constante producto dunha autoestima sen solucionar en moitos casos. O outro dia Martin Pawley deume esta grande lección que comparto se me permite: “O inconformismo, esa actitude tan galega de dicir que así está ben mais podía estar mellor doutra maneira, leva á disidencia, ao exercicio positivo e produtivo que abre camiños diferentes e alternativos. O desafío é non desistir de disentir".

"O concerto foi o venres e o sábado chorei muitísimo. Un frío apoderouse de min. Taba confusa. O medo exprimeuse ben a gusto"

-Nordestinas foi outra das propostas nas que vostede partillou e que mostraba a súa querencia pola Mariña da que provén. É aí onde nacerán novas iniciativas? 

Nordestinas tambén nasceu en aCentral na época de Lalín, na conxunción entre o coñecemento histórico da música do Norte e a esencia musical de Abe e Guadi. Desde os meus 16 anos vexo diante de min esta pergunta por parte dos medios de comunicación porque aos 16 abandonei o grupo do instituto. Imaxina: Pedreira creando novas iniciativas! Teño si, Si. a saúde, si, a saúde, si, a saúde. Iniciativa de cada quen. Desde aqui con Chus Dominguez como mamá, Marina Oural e Uxía como madriñas, estamos articulando terapias de NeuromovementoCraneal para Lua, para Rui, e tanta xente que precisa axuda e quere tela a este nivel finísimo. As primeiras terán lugar na Illa de Arousa en novembro. Estas sesións axudan a liberar limitacións de movemento seguindo o método Anat Baniel. Vai tamén especialmente dirixido a profesionais da escena que saben da arte delicada da consciencia corporal e profesionais da saude. En resumo, no noso día a día todo depende de moverse, como nos movemos, porque e para que nos movemos. Non teño a oportunidade de coñecer o Miniterio de Asuntos do Movemento de Austria, entón haberá que aprender ao modo galego, en minifundio. ;-) 
Desde a Mariña seguirei por un tempo a escreber en Galicia Confidencial na sección Cobrantas e en Palavra Comum plataforma onde podo berrar por un Banco de Leite Xa! mentras contamos para outros pais, profesionais da saude o noso mundo visto desde a Lua.

-Quen a coñece di que o seu é o contacto co público. Como é o día despois de abandonar a música ao vivo? 

Podo contarcho, si. Para min o concerto de Marful foi ritual nun espazo con mobilidade para estar sentados, apoiados ou bailando, nun lugar maleábel onde grupo non é altar. Adorei ver ali a Guadi a Uxía complices da dor emocionadas. Foi riquísima a sorpresa de Luís Alberto e Xacobe aparecendo a tocar no último momento porque si. Eu o día seguinte tiven un intensa dor de garganta. Non podía pasar saliva. O meu centro comunicativo crebou no dia seguinte do Hotel Nh. O concerto foi o venres e o sábado chorei muitísimo. Un frio apoderouse de min. Taba confusa. O medo exprimeuse ben a gusto. Hoxe, uns días despois síntome cansadísima e cunha enorme alegría porque despedida de aCentral, de Acrobata e de Marful podo sacar máis cousas de encima do lombo e dos ombros, estes que tamén me doían muito últimamente por cargar. Quero ir máis axil para portar a Lua. 
Por certo non vou abandonar a música ao vivo. Vou seguir cantando en casa, na furgoneta, en casa dos amigos-as en Bretagne e aqui.

"Uns dias despois síntome cansadísima e cunha enorme alegría porque despedida de aCentral, de Acrobata e de Marful podo sacar máis cousas de encima do lombo e dos ombros"

-Ademais de música, descubriuse como poeta en Noente Paradise (Através). Neste tempo novo haberá unha volta á poesía?

Sigo a escreber e a compoñer habitualmente como normalidade. Teño unha boa presa de cancións e poemas gardados e durmindo. A composición conscente é algo muito serio. Son amante da música tradicional que me impregna e sei que reproducir a música tradicional (que tamén foi feita por un individuo-a alguna vez) é serio tamén, mas aí está para calquera que se achegue. A composición non. Iso é parte do talento, da necesidade de expremer un universo sonoro e vai por outros cauces. Tecer palabra e música e dar isto á miña maneira é o meu talento, quizá tamén unha parte da miña función neste mundo. O formato futuro, non sei cal será  nen cal é o motivo. Iremos vendo. Morrendo e aprendendo.

Comentarios