Día das Librarías dedicado ao libreiro asasinado no Campo da Rata

A Deputación da Coruña aproveitou a celebración do Día das Librarías para reivindicar a figura de José María Eirís, libreiro coruñés asasinado no Campo da Rata en 1937.

goretti-eiris
photo_camera Goretti Sanmartín con Luísa Fernández Eirís, sobriña do homenaxeado

O 12 de xaneiro de 1937, José María Eirís, libreiro na rúa San Nicolás da Coruña, era asasinado no Campo da Rata, así que a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, reuniuse coa súa sobriña Luísa Fernández Eirís para reivindicar a figura deste libreiro represaliado despois do golpe militar de 1936 polo seu compromiso co goberno republicano. Luísa Fernández Eirís forma parte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e leva anos reclamando o recoñecemento da figura de seu tío, asasinado despois do golpe militar do que se cumpren este ano o oitenta aniversario.

José María Eirís naceu na Coruña o 8 de xaneiro de 1902 e, seguindo a tradición libreira da familia, abriu un establecemento na cidade, na rúa San Nicolás n.27, en que, como constaba na cartelería, vendía "tarxetas postais, novelas e xornais". Eirís foi membro de Izquierda Republicana e formou parte da directiva do Casino Republicano.

En xullo de 1936, José Manuel Eirís, formou parte do Comité de Defensa da República e foi detido cando o gobernador civil, Pérez Carballo foi obrigado a abandonar o edificio. Condenado a cadea perpetua despois dun xuízo militar, foi asasinado o 12 de xaneiro de 1937 aos 35 anos no campo da Rata, canda Jaurés García e Leovigildo Taboada, nos arredores da Torre de Hércules. A versión do rexime explicaba o asasinato como aplicación da lei de fugas, ao querer trasladar os presos á cadea de Pamplona.

José María era fillo de José Eirís Bocija, que rexentaba un quiosco de xornais na rúa Juana de Vega, morto un mes despois do asasinato do fillo, e sobriño de Luís, propietario da libraría "La Poesía" na rúa de San Andrés.

"A libraría de José Manuel Eirís tivo que se pechar despois do seu asasinato. Eirís e a súa librería teñen que ser reivindicados como símbolo da liberdade e a democracia e queremos lembralo neste Día das Librarías en que reivindicamos seu nome e o importantísimo papel destes centros que son referencia para a cultura e o pensamento libre", sinalou Goretti Sanmartín despois da xuntanza con Luísa Fernández Eiris.

Pola súa parte, Luísa Fernández, reclamou "a recuperación da memoria de figuras como a de meu tío José Manuel Eirís e tamén a anulación dos xuízos sumarísimos que, como o que lle fixeron a meu tío, que condenaron a persoas que eran inocentes".