Un Día da Patria Galega para non perder

A cidade de Compostela acollerá a maioría dos actos centrais do Día da Patria Galega. A manifestación nacional do BNG partirá como cada ano desde a Alameda compostelá até a Quintana. En Marea, Anova, Causa Galiza, Agora Galiza e Compromiso tamén escollen Santiago para reivindicar o 25 de Xullo. Fóra da capital transcorrerán os actos do PP en Lalín, PSdeG en Rianxo, Podemos en Marín e Esquerda Unida en Mugardos.
[Imaxe: GZ Foto] Bandeira da Patria
photo_camera [Imaxe: GZ Foto] Bandeira da Patria

A Alameda de Compostela, a Praza da Quintana, o Panteón de Galegos Ilustres, o busto de Castelao en Rianxo ou o peirao de Mugardos son algúns dos lugares que acollerán actos das forzas políticas con motivo do Día da Patria Galega. Na capital desenvolveranse a manifestación do BNG e o Festigal, os actos de En Marea, Anova e Compromiso por Galicia e as mobilizacións de Causa Galiza, Agora Galiza e Ceivar. Podemos deslocarase a Marín e Esquerda Unida estará en Mugardos. O PSdeG irá a Rianxo e o PP enxalzará a Galiza rural desde Lalín.

O BNG chama a sumar por unha Galiza con soberanía

“Galiza, un novo impulso” é o lema co que o BNG convoca a manifestación nacional que arrinca ás 12 horas da Alameda de Compostela e que culminará na Praza da Quintana coa intervención da súa portavoz nacional, Ana Pontón. Xunto a ela tomarán a palabra Paulo Ríos, por Galiza Nova, e Olalla Rodil, deputada no Parlamento. Múltiples formacións políticas soberanistas e de esquerdas do mundo acudirán á chamada do Bloque para dar soporte á loita pola autodeterminación da Galiza.

Fontes do BNG sinalan que será a mobilización do Día da Patria Galega máis masiva dos últimos dez anos. A fronte asume este 25 de Xullo como o disparo de saída cara ás eleccións galegas de 2020 nas que pelexará para situarse como alternativa a Feixoo.

Ao finalizar o acto político na Quintana, comezará a festa no campus sur de Santiago cunha nova edición do Festigal, que se desenvolverá un ano máis o 24 e 25 de xullo. O 24 á noite subiron ao escenario Banda Bassotti, De Ninghures, Brassica Rapa e Arrhythmia. O 25 será a quenda das Pandereteiras de Verducido, DudeCan e Güintervan. O Festigal inclúe presentacións de libros e debates, ademais da Galería das Asociacións e o Espazo Infantil.

Anova pola República galega

Baixo o lema “Pola República galega”, Anova Irmandade Nacionalista celebrará o seu acto político polo 25 de Xullo e unha romaría popular no parque de Galeras ás 13 horas. Nel intervirá o portavoz nacional da formación, Antón Sánchez. Para Anova, o Día da Patria Galega é unha data “reivindicativa e lúdica” na que “galegos e galegas debemos cimentar un proxecto nacional colectivo articulado nos valores e principios da esquerda”.

En Marea quere unha Galiza verde

A organización liderada por Luís Villares convoca un Día da Patria Galega baseado na defensa do medio. Nese sentido, o lema é “Non hai planeta B. Unha Marea verde para unha Galiza con futuro”. Os actos do 25 serán na carballeira de Vista Alegre desde as 12 horas. Participarán activistas da defensa das augas, da terra e da procura de alternativas á economía do petróleo. Haberá espazos para as crianzas, obradoiros de construción de instrumentos con materiais reciclados, sesión vermú, xantar de confraternidade e, pola tarde, apresentarase o proxecto “Árbores que non arden”.

Podemos reivindicará unha Galiza feminista

O acto que polo 25 de Xullo organiza Podemos centrarase na reivindicación das mulleres e a loita feminista, a defensa dos dereitos civís e os avances sociais. O partido morado porá o énfase en que a Galiza conta coa maior fenda salarial do Estado, os salarios máis baixos e os maiores índices de discriminación laboral das mulleres. O acto será o propio 25 pola mañá e estará protagonizado por mulleres de Podemos. Terá lugar en Marín, na praza de Carmen Pesqueira “A Capirota”, lavandeira de 29 anos e nai solteira que increpou uns falanxistas por daren unha malleira a un rapaz no inicio da Guerra Civil. Esa mesma noite foi torturada e violada até ser asasinada.

EU avoga polo municipalismo para construír república

Fixéronse corenta anos da celebración das primeiras eleccións após Franco e Esquerda Unida fará balance do que significaron estas catro décadas, reivindicando o municipalismo como ferramenta fundamental para construír república. O acto político será no paseo do porto de Mugardos ás 12.30 horas do 25 de Xullo e nel intervirán a coordinadora de EU, Eva Solla, e o secretario de organización, Rubén Pérez. Seguidamente haberá un xantar no propio paseo.

O PSdeG homenaxea Castelao en Rianxo

Como cada ano, o PSdeG acudirá a Rianxo para celebrar o 25 de Xullo coa súa tradicional ofrenda floral ao pé do busto de Daniel Castelao, situado no paseo da Ribeira. Ao remate da ofrenda intervirá o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen vén de tomar posesión como deputado no Parlamento.

O PP lembra a Galiza rural

O Partido Popular realizou unha homenaxe á Galiza rural o 23 de xullo perante a escultura de Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego que Xosé Neira Vilas escribiu en 1961 desde a outra beira do Atlántico, e que se atopa en Lalín, concello histórico dos populares e cuxa alcaldía veñen de recuperar.

Causa Galiza pola independencia nacional

Algúns dos eixos que protagonizarán a manifestación convocada por Causa Galiza o 25 ás 12.30 na Alameda de Compostela son a aposta en consolidar “un forte proxecto independentista con capacidade de intervención cotiá e condicionamento político”, así como a continuidade do “Processo Trevinca”, iniciado en 2018. Tamén denunciará a “excepcionalidade represiva como síntoma do perfil non democrático do Estado español”. Após a manifestación, haberá romaría popular no parque Xixón.

Agora Galiza quere reconstruír a esquerda revolucionaria

A formación independentista Agora Galiza-Unidade Popular organiza o 25 de Xullo un acto político na praza 8 de Marzo da capital galega ás 13 horas. Seguidamente haberá xantar de confraternidade no parque de Bonaval. Sob o lema “Por unha Galiza antifascista, livre e vermelha” reivindicarán o Día da Patria Galega e desenvolveron o 24 unha xornada con outras organizacións internacionais para debater a reconstrución da esquerda revolucionaria.

“O galeguismo que flúe” é o lema escollido por CxG

Cunha ofrenda floral a Rosalía e Castelao ás 11.30 horas no Panteón de Galegos Ilustres arrincarán os actos que Compromiso por Galicia organiza con motivo do 25 de Xullo co lema “O galeguismo que flúe”. Após a homenaxe, o partido organiza un roteiro polo Santiago galeguista, no que visitarán, entre outros edificios, a antiga sede da primeira emisora radiofónica en galego. A partir das 13 horas no parque Eugenio Granell haberá un xantar e mais o acto político no que intervirán o secretario xeral de CxG, Xoán Carlos Piñeiro; o alcalde de Santa Comba, David Barbeira, e representantes do PNV, do Partido Republicano Demócrata de Portugal e do Partido Demócrata Europeo.

Galiza Nova volve co Festigal, homenaxe e ruada

Ademais do Festigal, Galiza Nova convocou a mocidade o 24 de xullo ao acto de homenaxe a Rosalía e Castelao no parque de Bonaval ás 17 horas. Interviñeron a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón; a responsábel de organización de Galiza Nova, Claudia Quintela, e Navia Rivas, responsábel de Internacional. Contaron coa actuación musical do grupo The Lelli Kellys. O acto foi conducido polos youtubeiros galegos Brais Doval e Miguel Silva (Aquel-e). Após a homenaxe, realizarán a III ruada pola independencia

Mocidade pola Independencia

“A mocidade independentista erguendo Galiza” é o lema co que a manifestación xuvenil convocada pola rede de asembleas locais que conforman Mocidade pola Independencia percorreu as rúas de Compostela o 24 de xullo, con saída ás 20 horas desde a alameda e con fin na Praza de Cervantes cun acto e concerto de Dakidarría.

XV Xornada de Rebelión Xuvenil

Briga organizou a Xornada de Rebelión Xuvenil. “O futuro é das que luitam” é o lema sob o que se desenvolveron o acto político e os concertos de Ira, Flow do Toxo, Tecor e Rebeliom do Inframundo no parque de Belvís o 24 de xullo.

XII Cadeia Humana pola Liberdade

O 24 de xullo, Ceivar convocou a XII Cadeia Humana pola Liberdade para esixir a fin da dispersión e do encerro das presas independentistas galegas. Percorreron a capital coas mans dadas partindo da Praza da Galiza ás 18.30 horas. Após o acto, ás 21 horas tivo lugar na Gentalha do Pichel a terceira edición da cea solidaria.

[Esta información foi publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios