Opinión

Día da Patria, Día de Galicia

Somos persoas cidadás do mundo. Mais facemos parte dunha identidade nacional, dun país, dunha patria… O patriotismo non bate co universalismo, para sermos persoas precisamos raíces, para pensarmos en global precisamos actuar localmente. O agarimo polo propio, o respecto e adhesión á propia identidade é un fenómeno san e común na nosa contorna.  Himno, bandeira e día nacional son constantes nas celebracións patrióticas doutros países. Se os USA celebran o 4 de xullo e os franceses, o 14, máis xustificado estará que celebremos o noso Día Nacional ou da Patria o 25.  Negaron a nosa identidade nacional durante séculos e, xa que logo, haberíamos visibilizar moito máis os nosos sinais de identidade.

Mais cómpre termos en conta que a meirande parte da poboación non adhire estas celebracións identitarias, o que non quita que moitos teñan Galicia como o seu referente, malia que non partillen unha definición galeguista. Velaí que o proxecto nacional galego teña de propor á cidadanía un patrotismo moito máis cívico ca identitario, moito máis republicano ca esencialista. O proxecto nacional, o proxecto galeguista, ha seducir demostrando na práctica  que sabe xerar benestar para a xente, que o autogoberno é a fonte das solucións e que dependermos do Estado e da súa falsa solidariedade é o camiño cara á pobreza e  a irrelevancia.

O proxecto nacional galego teña de propor á cidadanía un patrotismo moito máis cívico ca identitario, moito máis republicano ca esencialista

 

Porque Galicia, como pequeno país europeo de menos de tres millóns de habitantes (5% do PIB estatal, 5,4% da poboación do Estado) asenta a súa economía nuns alicerces que son para o Estado prescindíbeis. Isto quere dicir que para o noso benestar precisamos gobernarmos. Moito máis ca Catalunya ou Euskadi, que inflúen máis na economía española.

Qué autogoberno precisamos? Independencia, cosoberanía, ampliación estatutaria…? Non é doado respostar esta pregunta. Mais si cómpre apuntar que o noso benestar precisa que as nosas institucions de autogoberno teñan verdadeiros poderes que hoxe non teñen, como fixar os contidos educativos, lexislar a administración local, resgatar ou fixar as peaxes da AP-9,  xestionar os nosos portos e aeroportos e recadar os impostos. 

Mentres, o Estado español semella tender máis a recentralizar as poucas competencias que o Poder Galego ten antes que redeseñar o Estado a xeito plurinacional e en rede, como esixe a evolución dos tempos.

Comentarios