Mobilizacións

A recuperación de dereitos, principal reivindicación no Día da Clase Obreira Galega

Ferrol foi epicentro dos actos que decorreron con motivo do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, data cun marcado carácter de loita que lembra os traballadores Daniel Niebla e Amador Rei, asasinados pola policía franquista.

Sin título
photo_camera [Imaxe: CIG] Manifestación da CIG en Ferrol

Milleiros de persoas participaron na mañá do domingo das mobilizacións convocadas con motivo do Día da Clase Obreira Galega, que se conmemora cada ano en lembranza dos traballadores de Bazán Daniel Niebla e Amador Rei, asasinados pola policía franquista na manifestación que acolleron as rúas de Ferrol o 10 de marzo de 1972.

A CIG convoca oito mobilizacións

105e8732-7e70-46fc-9214-4f2860858f4cPrecisamente, foi Ferrol o epicentro dos actos, coas manifestacións convocadas por CCOO e pola CIG. O sindicato nacionalista tamén organizou mobilizacións en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Compostela, A Coruña, Lugo e Ourense baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar”.

Os actos desenvolvéronse entre consignas que chamaban a resolver o conflito das ambulancias ou contra o feche de Poligal. En Ferrol tamén se reivindicou carga de traballo para o sector naval, unhas pensións públicas dignas e igualdade para as mulleres. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, presente na mobilización que percorreu as rúas ferrolás, apelou ás traballadoras e traballadores a se mobilizaren “porque só a través da loita poderemos forzar os cambios que nos permitan recuperar os dereitos para poder avanzar”.

Carril: "É a clase obreira quen ten que tomar iniciativas e asumir máis compromiso para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas"

Carril chamou a clase traballadora a non ficar “de brazos cruzados” ante o medre da precariedade, do empobrecemento e das desigualdades de xénero. Aludiu ao desmantelamento industrial, ao peche de empresas e á sangría da emigración. Puxo Alcoa, Ferroatlántica e Poligal como exemplos do proceso de crise e desertización industrial que sofre Galiza e valorizou loitas laborais como a do sector de ambulancias –que leva tres semanas en greve por un convenio xusto–, do persoal da sanidade e das xubiladas e xubilados de Endesa. "Ninguén nos vai salvar desta situación, é a clase obreira quen ten que tomar iniciativas e asumir máis compromiso para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas", salientou.

Coa ollada nas eleccións

Carril insistiu durante a súa intervención nas próximas convocatorias electorais, oportunidade, dixo, para mudar a realidade. Apostou en “forzas políticas propias, autenticamente nacionalistas e de esquerdas, que defenden os nosos intereses sen hipotecas, sen obediencias a Madrid”, como “saídas para o noso futuro”. Neste sentido, cargou contra o Goberno central do PSOE, ao que acusou de non interesarse en cambiar as políticas do PP, “mantendo o modelo económico e de relacións laborais nacido das reformas de 2010, e sobre todo da reforma de 2012, que teñen significado un auténtico atentado e golpe de Estado aos dereitos laborais, sociais e de negociación colectiva”.

A CIG cualificou de “claramente insuficientes e inxustos” os orzamentos xerais do Estado para 2019, que “no seu día pactaron PSOE e Podemos”

A continuación, o secretario xeral da CIG cualificou de “claramente insuficientes e inxustos” os orzamentos xerais do Estado para 2019, que “no seu día pactaron PSOE e Podemos”. Das contas xerais tamén denunciou o recorte “significativo” do investimento na Galiza e o seu “continuísmo”, ao manteren, salientou, as reformas das pensións de 2011 e 2013.

Non esqueceu Carril o papel do Goberno galego, ao que acusou de non frear “a grave emerxencia social e nacional que atravesa Galiza, malia disfrazarse cun discurso crítico e reivindicativo contra o Goberno de Madrid”. “Feixoo cada día ten máis complexos e máis vergoña de ser galego, envolvéndose na bandeira de España, como fixo recentemente na Praza de Colón en Madrid, con Vox e Ciudadanos, para agachar as súas frustracións e o desastre das súas políticas”, concluíu Carril, que insistiu na necesidade de recuperar o pulso social nas rúas.

CCOO pon o foco no “escenario inquietante”

CCOO conmemorou o Día da Clase Obreira Galega cunha manifestación que partía pasadas ás 11.30 horas desde o monumento ao 10 de marzo e da que tomou parte Unai Sordo, secretario confederal do sindicato, que puxo o foco no “escenario inquietante, marcado por un intenso momento político e presidido pola desmemoria dunha sociedade enferma do cancro da desigualdade extrema, onde ter traballo xa non significa saír da pobreza”.

CCOO sinalou que o 28A se decidirá "se o contrato social é solidario e se o modelo social está influído e condicionado pola clase traballadora ou ditado pola infinita cobiza dos poderes económicos"

Comisións denunciou a incapacidade do Goberno central de facer da lexislatura “un tempo para o diálogo e o acordo que revertese as reformas máis lesivas da anterior etapa, que dese reorientado á axenda do diálogo a conflitividade xerada polas tensións territoriais”. Neste sentido apuntou que nas eleccións xerais do 28 de abril se decidirá “se o contrato social é solidario e se o modelo social está influído e condicionado pola clase traballadora ou ditado pola infinita cobiza dos poderes económicos”.

No discurso pronunciado ao remate da manifestación, reivindicouse “un esforzo de mobilización unitaria” que garanta “un panorama electoral asentado nos valores e principios comúns da esquerda” para disputar “ás dereitas sen complexos calquera indicio de retroceso nos dereitos”. Tamén se apelou á memoria ao recuperar a loita e a solidariedade que seguiu os asasinatos dos dous operarios de Bazán.

D1Dc5xzX4AYtMMvCCOO salientou que é o momento de “recuperar a centralidade no traballo, o dereito ao traballo e o dereito no traballo como elementos fundamentais de estruturación da nosa sociedade”. Engadiu que “continuaremos dando a batalla, sector a sector, empresa a empresa e convenio a convenio. É o momento de que todo o esforzo que fixo a clase traballadora durante a crise se vexa compensado, que o actual patrón de crecemento económico se distribúa cos principios de xustiza social”.

Ao concluír a mobilización, o Centro Cultural Torrente Ballester acolleu o acto de entrega dos Premios 10 de Marzo, que recaeron este ano en Tensi Álvarez, Xan López Facal e, con carácter póstumo, en Melchor Roel Rivas.

A CUT, contra a “manipulación da historia”

A CUT conmemorou o Día da Clase Obreira Galega cunha concentración ao pé do farol de Urzáiz, en Vigo, onde chamou a acabar coa “manipulación da semántica e da historia”. “As mulleres e homes da clase traballadora galega somos Amador e somos Daniel na disputa do convenio colectivo, na solidariedade, na esixencia de igualdade, na fraternidade, na folga, no piquete, no desaufiuzamento, na ocupación, na camaradería, no conflito…".

A CUT apela á conciencia de clase do pobo galego

"Somos Amador e Daniel cando o imperialismo invade Venezuela, cando inxire na política de América Latina, no continente africano, cando a UE europea condena a morte aos inmigrantes no mar…”, recolleu o manifesto da CUT, que apelou á conciencia de clase do pobo galego.

Comentarios