As dez vacinas da Covid-19 na última fase

Na actualidade existen 51 proxectos con ensaios clínicos en humanos.
EuropaPress_3434293_handout_16_november_2020_us_---_screengrab_taken_from_undated_video_issued
photo_camera A biotecnolóxica estadounidense Moderna anunciou a comezos desta semana que a súa vacina contaba cunha eficacia de 94,5%. (Foto: Moderna)

Das 51 vacinas experimentais contra a Covid que, a día de hoxe, se encontran en ensaios clínicos en humanos, só 10 entraron na fase 3. As máis avanzadas utilizan unha tecnoloxía innovadora, que consiste en inxectar nas células humanas fragmentos de instrucións xenéticas chamadas ARN mensaxeiro, para que o corpo fabrique proteínas ou "antíxenos" específicos do novo coronavirus. Estas proteínas serán entregadas ao sistema inmunitario, que producirá entón anticorpos.

Pfizer/BioNTech

O xigante estadounidense e o seu socio alemán prepáranse para solicitar á Axencia estadounidense do Medicamento unha autorización de utilización de urxencia da vacina que podería estar lista antes de fin de ano. Na cuarta feira, presentáronse os resultados completos da fase 3, cunha eficacia de 95% nos participantes.

Moderna 

A sociedade de biotecnoloxía estadounidense anunciou a comezos desta semana que a súa vacina tiña unha eficacia de 94,5%. Planea producir 20 millóns de doses antes de fin de ano, mais a súa comercialización non chegará até o primeiro trimestre de 2021. Conta co apoio do Goberno dos EUA.

Sinovac 

A biotecnolóxica chinesa iniciou un ensaio de fase 3 para a CoronaVac, con miles de voluntarios, principalmente no Brasil. A semana pasada as probas foron retomadas tras unha pausa polo suicidio dun dos voluntarios.

Sinopharm 

Outro laboratorio chinés que lanzou dous proxectos con institutos de investigación do país. Prevese que poida producir 610 millóns de doses por ano de varias vacinas contra a Covid-19, e xa autorizou un uso urxente dalgunhas delas.

Bharat Biotech 

A empresa india comezou en novembro a recrutar 26.000 persoas para a súa Covaxin, desenvolvida co apoio do Goberno, e aposta por unha vacina dispoñíbel no primeiro semestre de 2021.

AstraZeneca/Oxford 

A vacina do grupo anglosueco e da universidade inglesa usa como vector viral un adenovirus. É da que máis doses comprou a UE.

Johnson&Johnson

A firma estadounidense lanzou dous ensaios clínicos da súa candidata, composta dun adenovirus modificado: unha dunha soa dose e a outra de dúas. En todo o mundo, participan 90.000 voluntarios. Os resultados espéranse para o primeiro trimestre de 2021.

CanSino Biological

A empresa chinesa desenvolveu Ad5-nCoV, vacina baseada en adenovirus, conxuntamente co Exército. México, Rusia e o Paquistán albergan os ensaios.

Gamaleya

O Centro de Investigacións en Epidemioloxía ruso, en colaboración co ministerio de Defensa, creou a Sputnik V, baséase na utilización de dous adenovirus. Os rusos anunciaron hai uns días unha eficacia de 92%. Que se rexistrase a principios de agosto provocou o esceptismo da comunidade científica dos EUA.

Novavax

A empresa de biotecnoloxía estadounidense traballa nunha vacina chamada "subunitaria" recombinante. Novavax lanzou en setembro o seu ensaio clínico de fase 3 no Reino Unido e a finais de novembro debe comezar un ensaio nos Estados Unidos. O Goberno do país norteamericano fixo un investimento multimillonario neste proxecto.

Comentarios