Opinión

Dez anos dende a fin do mellor goberno (I)

 

O 1 deste mes que andamos cumpríronse dez anos dende a eleccións galegas que lle deron o trunfo ao PP de Feijoo con 38 deputados contra 37 da coalición de goberno PSdeG-BNG (25 o primeiros, 12 os segundos). No conxunto do País BNG e PSdeG, por xunto, quitaron 6.000 votos máis ca o PP (795.000 vs 789.000), o que demostra a falla de proporcionalidade do Dereito electoral galego, que prefire sobrerepresentar ás circunscricións luguesa e ourensá.

 

Nestes dez anos (“dez ano perdidos facendo que se fai”, segundo aquelada definición do profesor da UDC Carlos Amoedo) é evidente que Galicia mudou substancialmente a peor. Desapareceu o noso subsistema financiero, alá foron CaixaGalicia, Caixanova e o Banco Pastor sen que Núñez Feijóo nos dese a primeira explicación. EL CORREO GALLEGO ven de nos contar que cada persoa galega gasta hoxe 288 €/ano menos en alimentos a respecto de hai dez anos, mentres que a relación entre PIBs galego e europeo baixou dunha cobertura do 90% á do 80%, como ven de observar o avogado galego Gonzalo Castro. Estes dez anos viron a emigración a eito da nosa xuventude máis preparada, a subordinación da nosa política e da nosa economía á recentralización madrileño-española e máis as retalladas do gasto público sanitario, social e docente que degradaron gravemente os nosos servizos públicos.

 

Pola contra, Núñez Feijóo sucedeu ao mellor goberno da historia contemporánea da Galicia. Un goberno que construiu un sistema de servizos sociais onde antes só había beneficiencia. Que puxo en valor o noso medio rural co Banco de Terras e estruturou un sistema eficaz de prevención e extinción de lumes despois de 2007. Que desenvolveu a nosa creación audiovisual e afortaleu as industrias culturais todas. Que freou a especulación do litoral, promoveu unha política social de vivenda inédita até entón neste País. Que estruturou eficaces políticas turística, comercial e industrial, cun plan eólico que usaba a nosa capacidade de xeración enerxética para crear tecido económico e emprego de calidade dentro do País. Que promoveu unha polírica de tráfico e seguridade viaria propia e eficaz.

 

As diferenzas entre o goberno de coalición BNG-PSdeG (2005-2009), o mellor goberno da historia contemporánea de Galicia e o actual Goberno de Núñz Feijóo son tan importantes que imos precisar, para contárllelo, dunha segunda volta.

Comentarios