Opinión

Detrás do "paro"

[María Obelleiro]

Ou no desemprego ou afectada por un ERTE. Así é como se atopa unha de cada tres persoas na Galiza, é dicir, case un total de 400.000, nestes momentos. Son cifras actualizadas após o incremento nas cifras do paro, que na Galiza ascende a 191.000 (17.100 máis que no mes de marzo). Só en abril a crise provocada polo efecto do coronavirus segou 27.800 postos de traballo. Tamén son desalentadores os datos referidos á afiliación á Seguridade Social, que se sitúa por baixo do millón de persoas. A isto hai que engadir o feito de que taxa de cobertura deixa practicamente a metade da poboación desempregada sen protección social. O de servizos, de onde procederon 7 de cada 10 persoas rexistradas no desemprego, é o sector (xa de por si precarizado) máis afectado. E as mulleres son, máis unha vez, as principais pagás. Diante deste panorama, é esencial que os Gobernos estabelezan medidas para protexer a clase traballadora. Fronte ao deserto industrial no que estaban convertendo a Galiza, é necesario un modelo de economía produtiva, que é capaz de crear riqueza e postos de traballo. Váisenos a vida niso.

Comentarios