Opinión

Detrás do drama das persoas refuxiadas

Neste número 163 de Sermos Galiza dedicamos unha cobertura especial -con presenza sobre o terreo dos nosos colaboradores Cristian López e Felipe Carnotto- ao drama das persoas refuxiadas

 

Neste número 163 de Sermos Galiza dedicamos unha cobertura especial -con presenza sobre o terreo dos nosos colaboradores Cristian López e Felipe Carnotto- ao drama das persoas refuxiadas, que está a conmover a opinión pública mundial nas últimas semanas. Algunhas das imaxes que publicamos ilustran abondo a traxedia que para centos de miles de persoas representa vérense expatriadas, fuxindo ou da pobreza ou dos conflitos bélicos ou da devastación do medio ambiente. Vaia por diante a nosa solidariedade para con todas elas.

Aliás, a clave deste asunto pasa por desentrañar, no posíbel ao ser un tema poliédrico e moito complexo, as súas causas e por responder algunhas perguntas. Que hai detrás deste drama? Que o produce precisamente agora? Por que a imprensa sistémica pon agora o foco nel e porque o fai cunha focaxe determinada?

Washington é especialista en empregar dramas humanos como coartadas para o seu expansionismo

O éxodo masivo non é unha maldición bíblica. A expatriación de centos de miles de persoas é consecuencia directa de como está o mundo e das leis económicas que o rexen. Non se pode entender este fenómeno se o desligamos da globalización neoliberal, unha máquina de produción de desigualdades territoriais e de depauperación de continentes inteiros, e se o abstraemos das guerras imperialistas perpetradas nas últimas décadas. Guerras desencadeadas polo desexo de Occidente de controlar as materias primas e os recursos enerxéticos das súas antigas colonias.

Non é casual, nese sentido, que os medios poñan o foco en Siria, albo cobizado do imperio norteamericano. As sospeitas sobre movementos da OTAN son inevitábeis. Washington é especialista en empregar dramas humanos como coartadas para o seu expansionismo.

Comentarios