Postos en liberdade os 6 arrestados polos mossos por atentado contra a autoridade

Detida unha integrante dos CDR por sedición, rebelión e terrorismo

É a primeira vez que se acusa de terrorismo unha persoa vinculada co procés. A detida foi xa trasladada a Madrid para ser posta a disposición da Audiencia Nacional.

detida
photo_camera A activista do CDR detida pola Garda Civil [Foto: NacióDigital]

Unha operación da Garda Civil contra os Comités de Defensa da República tería resultado na detención dunha persoa. O dispositivo foi ordenado pola Audiencia Nacional.

A detida -do CDR de Viladecans- tería sido arrestada baixo as acusacións de sedición, rebelión e terrorismo. 

As pesquisas do corpo militar sinálana como a presunta responsábel da coordenación dos cortes de estradas e auto-estradas producidos nos últimos días no Principat.

As primeiras informacións, logo non confirmadas, apuntaban a detención de no mínimo dúas persoas. Segundo La Vanguardia, si habería un segundo obxectivo da operación, un activista do CDR de Esplugues de Llobregat, mais o seu arresto aínda non se tería producido ao non ter sido localizado.

A Garda Civil considera que a muller detida á e "ideóloga" dos CDR, como o demostraría pretensamente que un audio seu rulase polas redes sociais a indicar as accións a realizar polos comités.

As autoridades xudiciais españolas non só non toman nota da sentenza alemá sobre Puigdemont -en que se desbotaba a existencia de violencia en Catalunya-, senón que dan un salto cara adiante ao formular a primeira acusación por terrorismo.

Operación dos Mossos

En paralelo a este dispositivo da Garda Civil, os Mossos d'Esquadra arrestaron esta mañá 6 integrantes dos CDR de Malgrat, Arenys de Munt, Dosrius e Solsana, informaron fontes do corpo policial catalá a Vilaweb.

Estes activistas terían participado na concentración do 30 de xaneiro no parque da Ciutadella, diante do Parlamento catalán, o día en que se suspendeu o pleno de investidura de Carles Puigdemont.

Estes 6 activistas acaban de seren postos en liberdade.

Nota: Esta información foi atualizada e emendada -as primeiras noticias falaban de 4 persoas detidas polos Mossos, cando en realidade foron 6- ás 13.58 horas

Comentarios