A destrución cultural nos camiños de Compostela: a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A pesar de que o patrimonio cultural que presenta a Galiza é rico en todas as súas vertentes, son moitos os templos, as igrexas, os mosteiros esparexidos por todo o territorio galego que amosan un estado ruinoso, mostra dun desleixo por parte da Administración. Un exemplo desta falta de protección é o da igrexa parroquial de San Paio de Loeda, no Concello de Piñor de Cea.  
Loeda, detalle xeral
photo_camera A igrexa parroquial de San Paio de Loeda, no Concello de Piñor de Cea, en estado ruinoso.

Este confín do Vello Mundo que é a Galiza móstrase rico en patrimonio cultural, con pegadas da historia de todo tempo, envellecidas e exposto a fenómenos de todo tipo. Certo tamén que se está mans á obra, comezando por Compostela: rehabilitar para revitalizar a cultura. E comparamos co que ollamos cando viaxamos por esa Europa irmán, como as Illas Británicas, Francia ou Alemaña, ben o saben os nosos emigrantes: atopamos os templos abertos, atendidos por xuntas de fregueses e mesmo poida que, alí, alguén lle estea poñendo clase de música ás crianzas, cántico, órgano... Pois velaí a Igrexa aberta e cunha misión de interrelación en idades, ensinando arte, historia e tradicións. Aínda queda moito que facer neste noso estremeiro occidente. 

Entre tantos recursos de vida e de cultura que avalan a nosa Historia, un dos principais carteis de presentación son os camiños a Compostela. Convídasenos a pór os pés no chan, a furar polo labirinto de aventuras e desventuras, a enxergar o que facemos e desfacemos a unha e outra banda de cada paso. E, con base nas posibilidades, imos valorando as prioridades, o que levar adiante canto antes. Non vale calquera cousa cando se ve un templo desamparado, aberto á meteoroloxía e ao salvaxismo, deixando perder os seus altares e imaxes artilladas en arte e con eles as emocións, as ilusións e as devocións dos devanceiros.

Doe ollar a cultura en destrución, saber de proxectos anestesiados nun longo ritual burocrático, entre o fastío das Administracións, xeralmente centralizado nas máis inmediatas delegacións provinciais da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Despachos que, con base nos anos de experiencia deberan asumir o principio da axilidade para evitar males maiores e gastos na conservación sobre un patrimonio do que son titores. Ao menos e mentres tanto, tomar axiña medidas preventivas, pouco custosas: sensibilización, vixilancia,  protección de labras, pinturas, paramentos...

A unha persoa sensíbel —e máis se é amante da historia e da arte, isto é da cultura— féndeselle a alma e a ilusión ao ver un templo abandonado, cos altares e as imaxes a mans da depredación. Situacións así, de desleixo, non son máis que efectos con causa, evidencian o estado da cuestión cultural. Pese as leis e a tanto organismo apelidado “de cultura”, que haber hainos, semella que narcotizados entre os botafumeiros de conmemoracións, actos e na mesma liturxización da cultura. Pois a cultura lévase ou non se leva posta e enxérgase e facémola, como se fai camiño ao andar. Situación que nos implican a todos.

Doe ollar a cultura en destrución, saber de proxectos anestesiados nun longo ritual burocrático

Ao respecto do devandito tráenos aquí o estado actual da que foi igrexa parroquial de San Paio de Loeda, a do cemiterio parroquial, no Concello de Piñor de Cea. Até que en 1969 lle quita protagonismo a inauguración do novo templo, encargo de Eduardo Rodríguez Legísima, de ilustre familia franciscana da parroquia do seu carón, Lousado. Templo construído sobre terreos doados por Ramona Careaga Vieitez, sobriña do filántropo don Perfectino Viéitez, deseño do arquitecto do Movemento Moderno Eusebio Calonge Francés, pero aquí sométese a liñas case escurialenses, seguramente impostas polos seus promotores.

Vella igrexa de San Paio ou Pelaio, dedicación moi antiga, quizais de orixe alto medieval. Templo que asoma para servir á concorrida Vía da Prata ou Camiño Mozárabe a Compostela, non afastada do mosteiro de Oseira, con vestixios románicos, do século XII, no que unha labra apunta que é refuxio para peregrinos. Trátase dunha edificación reformada integralmente e anovados os seus retablos cando o Barroco se debate co neoclásico, a finais do século XVIII. Tempos nos que as esmolas en romarías de sona, como a próxima do San Benitiño do Marañao, os foros, e as bulas permiten solemnes construcións e rituais.

Non é que que esta igrexa de San Paio de Loeda sexa un gran monumento. Ás veces, a sinxeleza nun ambiente de Historia semella ter maior grandeza. Os de antes ben sabemos o que significaban aqueles altares e imaxes de santiños, centro de segredos, de esperanzas, de leais devocións, agora á intemperie, criando musgos e edra, aniñando neles os paxaros.

Se queres proseguir con esta lectura, achégate ao quiosque e merca Nós Diario. Tamén atoparás a reportaxe na versión dixital do xornal, que podes descargar aquí. Para evitar quedar coa intriga noutra ocasión, fai a subscrición xa!

Comentarios