“Despedida” de Sabela e “Catavento da Sé” de Zambujo, mellores cancións de 2019 da Galiza e Portugal  

En outono celebrarase a Gala aRi[t]mar organizada pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.

sabela e zambujo
photo_camera Sabela e Zambujo.

Os perto de cinco mil votos do público emitidos no certame aRi[t]mar Galiza e Portugal promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Compostela determinaron que as gañadoras polo mellor tema musical publicado en Galiza e en Portugal en 2019 son, respectivamente, Sabela, con 'Despedida' e António Zambujo, con 'Catavento da Sé'. Estes premios, xunto cos de poesía, e o do embaixada da amizade, entregaranse a artistas e poetas gañadores na Gala aRi[t]mar 2020, que decorrerá en outono.

Os seguintes temas máis votados, nos segundos postos, foron os de Guadi Galego (GZ) por Balada de verán e Miguel Araújo (PT) con Talvez se Eu Dançasse; e os terceiros Baiuca (GZ) por Fisterra, e Isaura (PT) con Uma Frase Não Faz a Canção.

Segundo explicou o director da Escola Oficial de Idiomas, Gonzalo Constenla, o certame voltou xerar moi boas expectativas e contou cunha alta participación popular, ficando as votacións moi igualadas quer nas músicas gañadoras quer nas segundas e nas terceiras máis votadas.

A seguinte fase do certame consiste na escolla de poesías gañadoras, que se poderán votar desde mediados de abril até mediados de maio.

Ademais, o día 24 de abril, véspera da celebración da Revolución dos Caraveis portuguesa, darase a coñecer o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona, creado para galardoar aquelas persoas, iniciativas ou institucións que se teñan destacado por tender pontes de amizade entre Galiza e a Lusofonía.

Comentarios