Despedida por participar nas eleccións sindicais

Na factoría de Ribeiras de Lea do Grupo Sada, en Castro de Rei. Denúnciao a CIG

Grupo Sada Ribeiras de Lea
photo_camera (Google Maps)

A CIG denuncia o despedimento dunha candidata do sindicato logo do recente proceso de eleccións a representantes dos traballadores e traballadoras na empresa Sada PA Castilla Galicia SA, en Ribeiras de Lea, en castro de Rei .

O sindicato nacionalista lembra que “no matadoiro de aves e coellos máis grande de Lugo”, houbo eleccións sindicais o pasado 11 de decembro, cun censo total de 279 traballadores e traballadoras –“logo da situación xerada pola alta de oficio da Inspección de Traballo do persoal falso autónomo” -, resultando a CIG o sindicato máis votado.

A traballadora afectada foi despedida sen ningún tipo de xustificación, afirma a CIG, “o que alimenta as sospeitas de que claramente é unha represalia pola súa participación no procedemento electoral na candidatura da CIG”.

A empresa alega “incumprimentos” no desenvolvemento da súa actividade, o que para o sindicato é algo “completamente falso”.  Para a CIG este despido “é unha represalia sen ningún tipo de xustificación”.

“Sada foi unha das últimas empresas en asumir a incorporación formal deste persoal e para isto simulou un falso proceso selectivo denunciado dende esta central sindical”, indica a central.

Comentarios