Opinión

De desilusión e esperanza

Como fixen após as galegas de 2016, podería titular este artigo “Todo igual, todo diferente”. A vitoria do PP pode, inevitablemente, levar a pensar a moitas e moitos que todo segue igual, mais a radical recomposición do peso político das forzas de oposición abre un escenario absolutamente diferente, tamén do de 1997.

O PP volveu conseguir, a pesar da súa desatrosa xestión, maioría absoluta. Conta cunha sólida organización, herdada en boa parte da antiga estrutura franquista, con presenza en todo o territorio e que se move como peixe na auga, nesa parte da sociedade, que máis alá da ideoloxía, non aspira a máis que conseguir favores ou algún emprego. Mais tamén o PP conta cun plus, e non menor, do que non dispón ningunha outra forza política. Uns medios de comunicación públicos e privados que cantan as excelencias da súa xestión, ocultan as súas vergoñas, ou difunden unha imaxe do seu líder, co concurso madrileño, que para nada se corresponde coa realidade.

Subliñable é o estancamento do PSOE xusto cando está no Goberno en Madrid e a pouco de ter gañado na Galiza as xerais. Ferraz abandonou a súa franquía galega, prefiren Feijoo, como no seu día a Fraga, garante da estabilidade de España, fronte a cogobernos con incómodos nacionalistas. A Sánchez até se lle pinchou a roda do avión. Cun discurso baseado na defensa do Goberno central, sen esixencia ningunha de solución aos problemas concretos de galegas e galegos o resultado malamente podía ser outro.

Como importancia política ten a desaparición electoral do conglomerado nucleado arredor de Podemos-IU. Aínda sen acreditar nesa alternativa, non deixa de sorprender a rapidísima desaparición. Evidencia o estrepitoso fracaso de quen, como Beiras, mais non só, impulsou a estratexia da alianza coa esquerda española, introducindo na sociedade galega un cabalo de Troia e cuxo éxito, para que nos imos enganar, pasaba por destruír o nacionalismo organizado. De momento pon fin a unha etapa de confusión social, clarifica o campo de xogo.

O terceiro feito, sen dúbida o máis importante, é o extraordinario éxito electoral do BNG, pola súa amplitude, rachando “teitos psicolóxicos” sempre interesadamente lembrados, recupera confianza e autoestima e convérteo na principal forza da oposición ao PP. Con Ana Pontón fronte a Feijoo, el xa non vai poder vivir tan comodamente. Vai ter que usar a fondo a mediática ao seu servizo para ocultar a nova realidade.

Ábrese un tempo de reflexión para as forzas políticas, unhas deberán saber xestionar o fracaso, outras como o BNG , o éxito. Sempre tan difícil xestionar ben o un como o outro. Certo que de nada servirá a ninguén quedar preso do pasado, mais quen teña a tentación de esquecelo, non acertará. Non son eu quen para dicilo, mais na miña opinión o BNG faría ben en facer unha lectura do acontecido entre 1997 e 2016 e extraer conclusións prácticas. Tempo de reflexión tamén para as persoas honestas que aínda acreditan nas franquías políticas con centro de decisión en Madrid, esas que nos usan como cabaceira de votos, mais para as que nunca os problemas das e dos galegos son prioridade.

Coa responsabilidade que dá ser a primeira forza da oposición, nun contexto nada doado, de crise económica e social que se agravará no futuro inmediato, o BNG terá que enfrontar non só as letais políticas de Feijoo, tamén as dun Goberno central que non cumprirá con Galiza se non se lle obriga, a comezar petando na mesa, sen medo a romper a baralla se é preciso, para que cumpra os acordos de investidura, e as políticas dunha UE que, como volve evidenciar, é mais un problema que unha solución e que merece unha critica a fondo no canto de políticas “lexitimadoras”.

Fronte á desilusión que nalgúns sectores, que seguro superarán, provoca a vitoria do PP , eu opto pola esperanza que representa o nacionalismo, un ariete e unhas tropas máis sólidas para asaltar con éxito e derrubar os muros dun castelo que semella indestrutible, mais non o é. Porque esperanza é xa o único que me queda.

Comentarios