Desi Vila: "Teño que compatibilizar o deporte con outras cousas porque non dá para vivir"

Poucas veces as atletas transcenden os límites do deporte, pero a novísima saltadora Desirée Vila (Gondomar, 1998) conseguiuno, até o punto de vender miles de copias do seu libro, acumular infinidade de seguidoras nas redes e participar en programas de éxito como 'La Resistencia' ou 'Land Rober'.
A atleta de Gondomar soña con estar nos Xogos de Toquio. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A atleta de Gondomar soña con estar nos Xogos de Toquio. (Foto: Nós Diario).

Vén de saltar 3,69 metros, que supón obter a marca mínima ‘B’ de cara a clasificarse para os Xogos Paralímpicos de Toquio. Non obstante, que ten que facer para asegurar a clasificación?

O das marcas de clasificación non sabemos ben como vai nin nós mesmas (ri). O Comité Paralímpico Español propón dúas marcas, a mínima ‘A’ e a mínima ‘B’, que son as formas de clasificarte para ir aos Xogos Paralímpicos. A mínima ‘A’ é moi esixente, se es quen de conseguila estarás dentro seguro, salvo que pase algo moi fóra do común ou que a 'líes parda' (ri). Se, por exemplo, cinco atletas conseguiron esa mínima ‘A’ e hai 20 prazas, as 15 restantes adxudicaranse entre as persoas que conseguiron a mínima ‘B’. Agora mesmo, tal e como están as cousas, moi poucas persoas conseguirán esa marca, polo que é moi probábel que cunha mínima ‘B’ abonde para ir aos Xogos, mais o noso obxectivo é conseguir unha ‘A’.

Esa marca mínima ‘A’ está estabelecida en 4,07 metros, por enriba da súa mellor marca persoal de 3,94. Será quen de alcanzala en tan pouco tempo?

Este ano quero pasar por fin dos catro metros. Cremos que é unha marca que se pode conseguir cando chegue a un estado de forma bo, alá por febreiro ou marzo, que é cando temos competicións internacionais.  

Até ese Campionato de Promesas de Valencia no que saltou os 3,69 metros, cando foi a última vez que competira? Antes do confinamento?

Si, no Mundial de novembro, hai case un ano. Aínda que durante todo este tempo, en realidade, só parei no mes de agosto para coller vacacións, porque durante a corentena seguín adestrando, a pesar de que non podía correr por estar nun piso. De feito, podería dicirse que me sentou ben para poder recuperarme correctamente dunha escordadura de nocello, e tamén para prepararme noutros eidos nos que no día a día non nos daba tempo a facelo, como a psicoloxía e a forza. 

Sempre intenta sacar unha parte positiva a toda situación?

Si, eu destaco moito esa recuperación da escordadura, porque quizais me tería custado a participación nos Xogos Paralímpicos. Tería que ter forzado o pé, e quizais a lesión podería terme prexudicado a longo prazo. 

Vostede compatibiliza o atletismo cos seus estudos. Ademais escribiu un libro súper ventas e nos últimos tempos visitou os platós de programas como La Resistencia ou Land Rober, dous dos máis de moda actualmente. Como é quen de compatibilizar tantas actividades?

Non sei (ri). Intento organizarme o mellor que podo. Tamén é certo que teño un grande equipo detrás, pero sempre tendo en conta que o meu verdadeiro obxectivo é o adestramento. E si, no resto do meu tempo libre intento, sen quitarllo ao deporte, participar en entrevistas e realizar tarefas que mesmo poden axudar a aumentar o meu rendemento, porque darte a coñecer pode conducirte a ter un patrocinador, que vai conseguir que poidas acudir a esa competición á que antes non podías... ao final todo está encadeado e orientado cara un mesmo punto, mais si que é verdade que ás veces angústiome un pouco porque métome en todo e por veces é demasiado. 

Non teme, por dicilo dalgún modo, que todo iso a distraia un pouco e afecte ao seu rendemento deportivo?

Non, porque isto témolo moi claro desde o principio: o primeiro é o deporte. A min encántame participar en entrevistas, en anuncios, nas redes sociais... todo iso 'flipame', pero sei que o fago porque teño resultados, e para telos teño que sacrificar moitas outras cousas. Son consciente de que se non fose deportista posibelmente non me entrevistarían nin en La Resistencia, nin en Land Rober nin no Nós Diario, todo iso vén duns obxectivos no deporte que teño conseguir.

Falaba anteriormente sobre os seus crecentes compromisos publicitarios. Como entra nese mundiño? Como unha atleta nova dá o salto a ese mundo das marcas, dos anuncios, da moda?

Pois non o sei! (ri). Foi un pouco por casualidade, 'de potra'. Si notei como a raíz de participar en La Resistencia tiven moita máis repercusión, e chegáronme novas oportunidades. Até hai moi pouco descoñecía como se movía todo este mundiño, mais si que o certo é que a maioría dos e das deportistas que están comigo na residencia [a Joaquín Blume de Madrid] compatibilízano cun traballo de publicidade, imaxe, nas redes sociais... porque o deporte, polo menos o meu, non dá para vivir, e tes que buscar outra forma de conseguir cartiños, e grazas aos patrocinadores e a esas colaboracións con marcas creces coa túa imaxe e, ao mesmo tempo, non deixa de ser un traballo.

Cales son os obxectivos actuais de Desi Vila?

Toquio 2020. Levábamos un ano sen competir, e non sei en que estado de forma estaba, pero agora véxoo, e se hai Xogos, que iso será outra cousa, eu vou estar alí seguro, ese é o obxectivo principal. E o feito de que sexan un ano máis tarde danos unha marxe para mellorar as marcas, e xa non só para participar e facelo ben, senón  para tratar de estar entre as mellores do mundo.

É plausíbel alcanzar ese nivel das mellores?

Si. O meu adestrador sempre di que o noso obxectivo máis importante son os Xogos Paralímpicos de París 2024, nos que xa terei unha madurez deportiva que non depende tanto do adestramento, senón da experiencia, por iso este ano extra supón un ano máis de crecemento físico e mental que podemos canalizar nun bo resultado no Xapón. 

Comentarios