Opinión

A desfeita programada

Os medios de información, ultimamente, inciden no descenso de poboación na Galiza, con todo detalle, argumentación e índices do mesmo.

Os medios de información, ultimamente, inciden no descenso de poboación na Galiza, con todo detalle, argumentación e índices do mesmo. Pero algúns deses medios ocultan as causas e os efectos da parálise e decrecemento demográfico. O problema é ben antigo e notorio. Desde que o Estado centralista e colonial programou e fomentou a emigración, como elemento desintegrador e, tamén, dador de riquezas bancarias a conta dos aforros dos emigrantes, Galiza foi a pioneira da súa propia devastación, no programa inquisidor de tódolos gobernos de España.

Mais o panorama da actual desfeita, que se advertía hai algunhas décadas, maniféstase poderosamente nociva na constatación do caos e da despersonalización do ente mais identitario da nosa nación como é o universo rural galego. En moitas desas aldeas galegas abandonadas e inservíbeis, que foron cimeira na protección da cultura e dunha economía abastada, con certo protagonismo no desenvolvemento agrario, hoxe son pobos con teitumes derrubados, muros caídos, ortigas e gramas tapando memoria milenaria. Aí están tódolos silencios borrando e eliminando o vital da nosa permanencia, onde fructificou cultura e irmandade. En fin. Sen o noso rural somos pouca cousa. Non somos identificábeis.

Sen o noso rural somos pouca cousa. Non somos identificábeis

En cada unha das xeografías do rural galego, maniféstanse diversos modos de abandono. En todo elo hai un clamor que nos salpica e advirte das tebras que cubren os atributos identitarios mais sublimes, que deron pulo ao que aínda nos recoñecemos como seres emancipados no herdo, na idiosincrasia e nunha resistencia limitada.

Alporiza a un cando os medios técnicos e administrativo inciden que para a década de dous mil cincuenta, a poboación galega baixa á metade do que agora é. Sen matizar as causas desta devastación. Pero basta facer unha viaxe en convoi ferroviario de Ourense a Madrid, para decatarse desta nosa e desértica provincia na que, noutrora, pululou unha agricultura sostíbel. Neste sentido, son inadmisíbeis as contradiccións que os organismos autonómicos emiten, cando nos falan de programas industriais e dun agromar de postos de traballo, que nunca chegan, e de salarios que amplían marxinación e pobreza. Con todo este panorama, e outros mais, a realidade é ben distinta cando analizamos esta desfeita programada.

O señor Xosé de Moreda é un dos milleiros de labregos galegos resistentes que aínda están amparados nunha economía tradicional de autoconsumo

Fai poucos días que falaba cun labrego que ía con catro vacas para a devesa do Rogueira, en Moreda do Courel, que vive mais da recolección das castañas, que llas pagaban a un euro o quilo, que da mantenza das vacas que, no período de dar leite, lle pagan o litro a vinteún céntimo. Ese labrego, o señor Xosé de Moreda, é un dos milleiros de labregos galegos, resistentes que aínda están amparados nunha economía tradicional de autoconsumo, sometida e controlada polos poderes económicos e políticos que protagonizan a actual desfeita.

Fai poucos días, estiven nas manifestacións, ou tractoradas, de Chantada e Lalín, e observei as consignas que varios miles de persoas ecoaban polas rúas, confirmando un acordar de profundo valor, con apéndices de resistencia e, tamén, de futuro para refacer, estructurar e tecnificar a nosa gandería e agricultura. A labregancia sabe moito do seu medio, para advertir das necesidades e das implicacións que deben ter as administracións neste estado de cousas. Pese ao desastre e das indiferencias dos que fan políticas erradas e en favor dos monopolios económicos, Galiza móvese.         

Comentarios