Opinión

Desexos

Xa case a día dos Dereitos Humanos, no claro de que o franquismo non acabou co funeralísimo, será ben irmos na órbita dos desexos para intuír o que nos vén enriba nesta pandemia e logo dela. A tranquilidade, a seguridade vital, o benestar non están asegurados. A saída non será progresista e si regresiva. Un continuismo de marcha atrás. Por riba, non hai moitos medios independentes que informen, xa que os poderes van a por eles e tratan de lles acoutar as capacidades de reflexión, análise e convocatoria da cidadanía cando se dan abusos e reivindicacións. Estes medios axudan a consolidar a democracia. Por iso están sometidos a presión. Para eles non hai subvencións nin axudas institucionais. Os da corda si que se favorecen e tratan que o pobo ignore as verdades do seu pasado, os perigos do seu presente e asemade os do seu futuro. Manteñen eficaces servizos de propaganda e practican os enganos potenciando as direccións equivocadas. Fan do saber un ben privado. Xogan ao vantaxismo político.

Por iso hai que pensar, poñemos por caso, se haberá despidos logo dos ERTE. Xa se di que non é boa idea manter despois os postos de traballo por seis meses. Os empresarios cando notan o vir do ben exixen liberdade. Calquera acción do Goberno é contraproducente. O ben común desaparece. O que importa é a saúde das empresas. Midamos pois (e sumemos) os desexos para facermos o camiño do noso ben. Esta pandemia deixa claro que a economía non funciona grazas ás empresas nin aos empresarios. Son as institucións públicas quen garanten o ben común. Os nosos desexos non irán cos dos poderosos.

Comentarios