Xoaquín Fernández Leiceaga

"Desenvolver o autogoberno será a gran tarefa dos próximos anos"

Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961), doutor en Economía, profesor titular na USC. Participou no BNG entre 1982 e 2002. É autor, entre outros estudos, de Estrutura económica de Galiza xunto a Edelmiro López Iglesias. Incorporouse ao PSdeG en 2003 como concelleiro no Goberno municipal de Compostela. Parlamentario galego no Grupo Socialista desde 2005. Foi candidato á Presidencia da Xunta en 2016. Deixou o escano no Parlamento galego esta semana para incorporarse ao Senado en Madrid. A súa acta pasa a Encarna Liñeiro Pousa, de Camariñas, que se estreará no pleno a primeira semana de decembro. Eis un estrato da entrevista publicada no número 374 do Sermos Galiza.
F_4_Leiceaga
photo_camera (Arxina)

L eiceaga di que non marcha. Libérase. Para seguir traballando como responsábel orgánico e político do PSdeG. Con despacho tamén en Madrid, pero coa vista no país. 

Feixoo insiste na gran coalición. Estivo algunha vez enriba da mesa?

Até onde eu sei, non se sopesou na dirección do PSOE. Non é una opción viábel. Por dúas razóns. Porque sería deixar a dialéctica Goberno/oposición, una dialéctica necesaria nunha democracia, en mans de partidos que están fóra do sistema. E, en segundo lugar, excepto en cuestións de Estado, as diferencias entre o PSOE e o PP farían complicada a acción de Goberno.

M_4_Leiceaga

Por que insiste Feixoo?

Feixoo está preparando as eleccións galegas e pretende ocupar una posición de centro. Para iso, ten a gran dificultade das alianzas con Vox en distintos puntos de España. Intenta compensar iso cunha apertura cara a un electorado máis moderado. Estase vestindo de moderado para ocupar ese espazo de centro. A grande aposta de Feixoo para as eleccións galegas é ocupar o espazo de centro que agora oscila entre o PSOE e algunha outra opción.

A historia da Galiza e a historia de España son, globalmente, nos últimos 40 anos unha historia de éxito

Que lle parecen os eloxios que recibe vostede de Feixoo no Parlamento cada vez que fala Gonzalo Caballero? É táctica, un clásico. Forma parte do ritual: cada vez que alguén marcha, tentar opoñelo ao que acaba de chegar. Entre Caballero e eu non hai ningunha fenda. Alcancei un acordo con el para presentar unha candidatura no último congreso do PSdeG. El é o secretario xeral e eu son o presidente. Entenda que  compartimos moitas cousas e participamos de ámbitos de decisións nos que chegamos a posicións comúns.

Que consello lle deu a Caballero cando chegou ao Parlamento?

Feixoo é un profesional. Non hai que minusvaloralo. Hai que estar atentos. E, segundo, o importante non é o que pase dentro do Parlamento, senón como se proxecta cara a fóra.

A meses das próximas galegas como hai que interpretar a súa marcha para o Senado?

Eu cumprín no Parlamento o papel que me correspondía despois de terme presentado como candidato. Agora temos outra referencia no Parlamento, que é Gonzalo Caballero. E é a que nós queremos potenciar. Eu marcho ao Senado pero seguirei na Galiza. Vou colaborar no programa e na campaña até onde sexa necesario. E non renuncio a ter no futuro un papel na Galiza.

Vese no próximo Goberno galego? O importante para min é que haxa un novo Goberno. Despois, veremos. Non estou pechando ningunha porta.

Daquela, descártase para facer parte do Goberno en Madrid?

A miña intención é estar no Senado representando Galiza e facer de ponte entre a nosa acción política na Galiza e a acción política en Madrid. As miñas aspiracións non van máis aló diso.

Que efecto terá un Goberno de coalición PSOE-UP en Madrid para o socialismo galego?

Penso que ese é un dos elementos imprescindíbeis para poder derrotar Feixoo. A estratexia do PP será explotar o seu candidato. Por un lado, Feixoo é percibido como un moderado dentro do partido, o que lles permitiría ampliar esa base social. E, pola outra banda, presentarase como el ou o caos. Xa o fixo antes. E por iso é tan importante que un Goberno no Estado do PSOE e Unidas Podemos, apoiado polos nacionalismos, funcione. 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios