Desenlace do culebrón do verán en Riazor

O Dépor-Fuenlabrada desta sexta feira pon fin a un capítulo, pero o serial continuará
Mikel Iribas e Salva Ruíz (dereita) pugnan por un balón no encontro da primeira volta da Liga entre galegos e madrileños. (Foto: Europa Press).
photo_camera Mikel Iribas e Salva Ruíz (dereita) pugnan por un balón no encontro da primeira volta da Liga entre galegos e madrileños. (Foto: Europa Press).

Chegou o día 'D', o desenlace do que promete ser tan só un capítulo máis dun serial con máis xiros de guión que Perdidos e máis capítulos que Falcon Crest. Esta sexta feira ás 20 horas -polo menos así é no momento do feche desta edición, pero todo está suxeito ao cambio de última hora e á improvisación na Liga de Javier Tebas- está previsto que se dispute o Deportivo-Fuenlabrada que tiña que terse xogado o pasado día 20 de xullo.

O que Álex Bergantiños, capitán do Dépor, definiu como un "paripé" no audio privado filtrado por un compañeiro aos medios de comunicación, o seu técnico, Fernándo Vázquez, considérao unha "ópera bufa".

"Tomarémonos o partido con seriedade, porque sabemos a responsabilidade que temos, pero evidentemente é un paripé que monta a Liga, tal e como dixo o noso capitán", apostilou o técnico de Castrofeito.

Os branquiazuis saltarán ao terreo de xogo sabendo que, fagan o que fagan, son equipo de Segunda División B. A esperanza de evitar o descenso de categoría non pasa polo que aconteza neste partido. O Club de Fútbol Fuenlabrada, pola contra, e a pesar de que poida soar a un atentado contra a intelixencia e o bo xuízo de moitas persoas logo de todo o acontecido ao longo das últimas dúas semanas e media, pode clasificarse para o play-off de ascenso á Primeira División, para o que necesitan facerse cos tres puntos.

De gañar os madrileños, deixarían fóra os ilicitanos do Elche, aos que Fernando Vázquez pide que estean "totalmente seguros e confiados de que o Deportivo, dentro das súas limitacións, vai intentar gañar o partido, polo ben da igualdade da competición que sentimos traizoada pola propia Liga. Tamén por manter a honra da competición, pelexaremos polos tres puntos".

Partido de alto risco

Os ánimos están moi quentes non só no seo do deportivismo, senón no conxunto da cidadanía coruñesa, unha cidade que se considera vítima dunha manobra por parte do Fuenlabrada e da Liga que puxo en risco a toda a poboación viaxando ao territorio galego aínda sabendo que contaban con positivos na súa expedición.

Por iso, e a diferenza do acontecido na anterior ocasión, a entidade madrileña non se aloxará en ningún hotel, senón que nada máis tomar terra en Compostela, o que está previsto ás 16.45 de hoxe, desprazaranse a Riazor, voando nada máis rematar o encontro tamén desde Compostela.

Ante a previsión de incidentes, a Delegación do Goberno fixo público que o partido foi declarado de alto risco, e a subdelegada, Pilar López-Rioboo, fixo un chamamento á "responsabilidade individual e colectiva". Outra razón para evitalos é a posibilidade de que Tebas e o Fuenlabrada utilicen esa carta para o seu propio beneficio chegado o momento.

Tamén as forzas políticas continúan a mover fichas en relación ao 'Caso Fuenlabrada', e se onte facíamos eco das declaracións da alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, e da agrupación local do Bloque Nacionalista Galego, hoxe foi o PP da Coruña quen saíu á palestra pedindo a intervención do Consello Superior de Deportes (CSD).

"Esiximos que o CSD, como máxima autoridade do Estado en materia deportiva, poña fin á persecución que o presidente da Liga, Javier Tebas, protagoniza sobre o Real Club Deportivo, que o inhabilite e que tome todas as medidas necesarias para acabar con estas aldraxes", conclúe o PP.

A Marea Atlántica pide que Tebas sexa 'persona non grata'

Marea Atlántica rexistrou unha moción para o próximo pleno municipal para declarar o presidente da liga, Javier Tebas, persoa  non grata na Coruña. Segundo a formación, Tebas mostrou "desprezo e irresponsabilidade" a toda a cidade polo 'Caso Fuenlabrada', polo que consideran que a declaración é "a reacción mínima" esixíbel. "A Liga de Fútbol Profesional ten que reparar todo o dano que está a causar á imaxe da cidade", engadiu a concelleira Claudia Delso. 

Comentarios