Descenso de contaxios. A cifra continúa a ser elevada (350 nas últimas 24 horas, segundo o reconto da mañá desta terza feira) mais é menor que a rexistrada nos días anteriores. Á espera da evolución ao longo desta semana, as probas de PCR procesadas esta terza feira foron 40% menos que as da sexta feira, 6 de novembro.
Nesa xornada procesáronse 7.976 PCR e a cifra de contaxios foi, loxicamente, superior á do domingo (685), á da segunda (395) e á da terza (350), cando o número de probas foi minguando. O 5 de novembro as PCR foran case 7.900 e os novos contaxios foron superiores aos 730.
Menos PCR, logo, e menos datos de contaxios. Unha correlación lóxica que constata a análise dos datos. A cuarta feira da pasada semana, 4 de novembro, procesáronse 7.474 probas, xornada na que houbo 626 novos contaxios constatados. A pasada sexta feira, 30 de outubro, foron máis de 10.000 (en concreto, 10.234) e houbo 755 novos positivos.
Porén, e durante estas semanas, a tendencia foi que sábado, domingo e inicios de semana facíanse menos PCR que a partir da cuarta feira, cando o número vai en aumento até a sexta feira.
Desde finais de outubro, de todas as mostras tomadas por volta de 7-8% deixa un resultado positivo. Isto é que está 3 puntos por riba do límite que a OMS recomenda non pasar.
A Organización Mundial da Saúde sitúa en 5% de PCR positivas o límite a non pasar para ter controlada a pandemia.
Presión hospitalaria
Por outra parte, os pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais da Galiza aumentaron en catro até os 609, deles 95 permanecen na Unidade de Coidados Intensivos -un máis que onte-.