Opinión

Dereito a decidir...só para Catalunya!!!

O documento apartir do cal quer negociar Pablo Iglesias a investidura con Pedro Sánchez vén asinado por tres marcas políticas: Podemos, En Comú Podem e En Marea (das tres fai parte Podemos, que é un pouco a nai do año). Nese documento estabelécense os marcos e até os teitos das conversas co PSOE. Nese documento fálase da transformación do Estado en chave plurinacional. Nese documento fálase de dereito a decidir. Si, mais nese documento aplícase en exclusiva a unha nación, Catalunya. Só se pide o referendo para Catalunya.

Como é posíbel que En Marea asine un documento que estabelece unha prelación entre as nacións e coloca Catalunya por cima de calquer outra, incluíndo entre ese “calquer outra” a Galiza? Era ese o compromiso adquirido co eleitorado galego?

En diversas intervencións perante os meios, a portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, ten dito que a súa formación está por un referendo para Galiza e que, no seu caso particular, de se submeter a cuestión a consulta, ela votaría a prol da independencia do noso país. Ben, temos que cualificar estas manifestacións, á luz deste documento que leva a asinatura de En Marea, de pura foguetaría verbal, de acenos para contentar os segmentos do eleitorado mareante que se moven en coordenadas nacionalistas.

Como é posíbel que En Marea asine un documento que estabelece unha prelación entre as nacións e coloca Catalunya por cima de calquer outra, incluíndo entre ese “calquer outra” a Galiza?

O documento Podemos-En Comú Podem-En Marea exuda elementos doutrinarios pouco asumíbeis -por dicelo suavemente- desde unha perspectiva non xa soberanista, senón exclusivamente galega ou galeguista. Vexamos. Fálase do dereito a decidir non como un absoluto, senón como unha sorte de dereito en potencia, que só viría a ser aceitado -si, o termo do documento é “aceitación”- na eventualidade de que a nación en cuestión o plantexase, o exercicio do dereito, con “especial intensidade”. Isto é como se dixéramos que a clase traballadora ten dereito ao traballo se o plantexa con especial intensidade. Ou como se no comezo do século XX as forzas progresistas tivesen escrito un documento en que se dixese que se “aceitaría” o dereito ao sufraxio das mulleres se estas o demandasen com especial intensidade.

De verdade que En Marea leeu este documento antes de o asinar?

Comentarios