As do PP descólganse do acordo

As deputadas da oposición condenan o ataque machista de Feixóo a Pontón

Todas as deputadas no Parlamento galego de BNG, En Marea e PSdeG veñen de emitir un comunicado en que amosan a súa “indignación como mulleres” pola “expresión machista usada polo presidente da Xunta de Galiza: 'A señora Pontón está moi necesitada”.
 

Ana Pontón falando no Pleno do Parlamento galego. 22 de febreiro de 2017
photo_camera Ana Pontón falando no Pleno do Parlamento galego.

“É unha frase inaceptábel que nos humilla a todas e nos ofende, máxime cando se pronuncia polo presidente nunha sesión institucional do Pleno do Parlamento que representa os galegos e as galegas”, di o documento, “Ante o machismo non podemos calar nin pasar páxina como se non pasase nada. O mínimo tería sido unha desculpa pública e sincera. O Sr. Feixóo aínda pode emendar o seu erro”.

Na sesión de control ao presidente do pleno na pasada cuarta feira, Feixóo dirixiuse ao portavoz de En Marea, Luís Villares, e espetoulle: “A señora Pontón estaba moi necesitada e vostede aínda está máis". Consciente de como soaba o que acababa de dicir, retirouna de inmediato. Ao final do debate, Ana Pontón pediu a palabra e lamentou o machismo da expresión e a “catadura moral” de quen a dicía.

As deputadas da oposición parlamentaria afirman que “a igualdade e o respecto son principios básicos recollidos no marco legal e político, mais se non son aplicados no noso día a día, redúcense a papel mollado”.

Lembran as mobilizacións do 8M e conclúen cunha esixencia expresa de desculpas a Alberto Núñez Feixóo:: “Pola súa responsabilidade e atribucións políticas e simbólicas, consideramos que o Presidente da Xunta de Galiza nos debe unha desculpa a todas, as que somos deputadas e as que non e así emendar o acontecido que, por desgraza, vai máis alá do excepcional”.

Deputadas do BNG, En Marea e PSdeG

Magdalena Barahona Martín
Noela Blanco Rodríguez
María de la Concepción Burgo López
Luca Chao Pérez
Ángeles Cuña Bóveda
María Luisa Pierres López
Ana Pontón Mondelo
Montserrat Prado Cores
Noa Presas Bergantiños
Paula Quinteiro Araújo
Olalla Rodil Fernández
Matilde Begoña Rodríguez Rumbo
Carmen Santos Queiruga
Eva Solla Fernández
María Dolores Toja Suárez
Julia Torregrosa Sañudo
Paula Vázquez Verao
Patricia Vilán Lorenzo

Comentarios