A Deputación de Pontevedra homenaxea o funcionariado e cargos políticos represaliados

Con motivo do 80 aniversario da barbarie franquista, a Deputación de Pontevedra desenvolveu un acto institucional de reparación da memoria para honrar o funcionariado e cargos políticos represaliados.

Xosé Leal, no acto
photo_camera Xosé Leal, no acto

Pasadas as 12.30h, a Deputación de Pontevedra descubría unha placa conmemorativa que lembra as persoas que foron encarceradas, torturadas e xulgadas nos edificios administrativos do ente provincial por defenderen a lexitimidade democrática fronte ao alzamento fascista de 1936.

Foi a área de Cultura quen impulsou o acto, cualificado como “unha cuestión de xustiza como de reparación da memoria”, en palabras do deputado nacionalista Xosé Leal. “Tanto o pazo provincial como o edificio administrativo tiveron un pasado moi escuro en canto a represión, encarceramento e tortura. De feito, acolleron o xuízo sumarísimo a Alexandre Bóveda e cinco presidentes da Deputación foron xulgados e represaliados aquí mesmo, ao igual que dous funcionarios. É unha cuestión de democracia institucional para recuperar a memoria destas persoas”, salienta o deputado en declaracións a Sermos Galiza.

Xosé Leal: "É necesario que as persoas coñezan o pasado escuro, o terror e a represión que se viviu aquí"

Xosé Leal insiste na necesidade de “deixar constancia da historia negra que representan os edificios e da represión que sufriron os cargos políticos e funcionariado”. “É necesario que as persoas coñezan o pasado escuro, o terror e a represión que se viviu aquí”, engade o nacionalista, que lembra que a Deputación acordou a retirada da simboloxía franquista, incluídas as distincións.

Bágoas e emoción foron unha constante nun acto en que tomaron a palabra familiares dos represaliados, como Begoña Caamaño, filla dun dos presidentes provinciais, Amancio Caamaño (presidente entre 1931 e 1932). Un dos discursos máis aplaudidos foi o de Montse Fajardo, quen, nunha intervención reivindicativa, deu conta das mulleres represaliadas e resistentes.

Chamou a atención a ausencia dos deputados provinciais do PP e do deputado provincial da Marea.

Reunión da Iniciativa Galega pola Memoria

Un dos momentos máis emotivos viviuse en privado, na reunión da Iniciativa Galega da Memoria na sala de xuntas, a mesma sala en que hai 80 anos os represaliados trataban de defender a democracia. “Abordamos o traballo conxunto entre a Deputación e as asociacións en defensa da memoria das comarcas para que o 2017 siga a ser un ano importante para a memoria”, afirma Xosé Leal.

Ademais dos dous presidentes asasinados -Amancio Caamaño e José Adrio-, incluíronse na homenaxe tres ex presidentes que tamén padeceron as consecuencias da sublevación militar - Bibiano Fernández, Joaquín Maquieira, e Maximiliano Pérez-, e dous funcionarios -Ramiro Paz e José García Vidal.

Comentarios