A Deputación de Lugo ofrece financiamento para garantir 24h o servizo de hemodinámica

O pleno provincial acordou disponibilizar os 100 mil euros necesarios para ampliar o horario de atención actualmente rexistrinxo medio día. O PP rexeitouno. 

Mobilización en Lugo

O acordo foi o resultado dunha iniciativa presentada polo PSdeG-PSOE que contou co apoio do grupo do BNG. Non así co do Partido Popular que rexeitou sumarse ao ofrecemento dos 100 mil euros necesarios para a ampliación do horario de atención no servizo de hemodinámica do Hospital Universitario Lucus Augusti. 

O rexeitamento do PP a se adherir á proposta valéulles duras críticas desde as bancadas do PSdeG. O seu portavoz, Manuel Martínez, acusounos de seren o "Poncio Pilatos do século XXI". Martínez lembrou as estatísticas publicadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que sitúan o número de falecementos por infarto de miocardio na provincia de Lugo "por riba da media española", un feito que atribúen á restrición imposta no servizo de hemodinámica, disponíbel unicamente en horario de oficina. 

O IGE sitúa as mortes por infarto en Lugo por riba da media estatal

Porén, malia que desde o PP de Lugo criticaron a actuación da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a quen dixeron que "tería sido mellor que estivese calada" cando afirmou que o hospital non contaría co servizo 24 horas, o grupo provincial non apoiou o financiamento ofrecido desde a Deputación, como tampouco a Xunta. 

"Mentiras e máis mentiras"; "excesos e máis excesos" segundo o voceiro do BNG, Mario Outeiro que si apoiou a iniciativa presenada polo PSdeG. 

Para alén de hemodinámica, o HULA agarda tamén polos prometidos servizos de radioterapia e medicina nuclear. Segundo o PP chegarán "antes de rematar o ano" mais fican pendentes desde 2011.  

Comentarios