A Deputación da Coruña pide celeridade ao Estado na devolución do Pazo de Meirás

A vicepresidenta da corporación provincial, Goretti Sanmartín, confía en que "non se estableza unha dupla velocidade para o Val dos Caídos e o Pazo de Meirás".

O ministro de Cultura, José Guirao, pisou o freo na súa visita a Galiza á devolución do pazo de Meiras como ben público. Após se reunir co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, Guirao advertiu que o proceso de reversión deste ben actualmente en mans da familia do ditador vai ser “longo e lento”.

A resposta da Deputación da Coruña foi rápida, Esta terza feira remitiu ao ministro canda unha carta os informes xurídico e histórico sobre esa devolución. A vicepresidenta da entidade provincial, Goretti Sanmartín, lembra que en xuño pasado remitiron eses documentos ao goberno español -daquela en mans do PP- e incide na disposición a Deputación a colaborar co Estado en todo o que sexa preciso para reverter a titularidade do Pazo de Meirás a ben público.

Considera Sanmartín que é unha evidencia o alcance "político e simbólico" do Pazo de Meirás, residencia de verán de Francisco Franco cando ditador e exemplo do modus operandi da ditadura, xa que foi conseguido coa extorsión á veciñanza que tivo que achegar cartos e ceder terreos. "Que o Pazo de Meirás continúe na man da familia Franco significa que a transición non está rematada. Só cando ese ben volva a mans públicas poderemos comezar a falar de fin da ditadura, e por iso é tan importante a súa recuperación", apuntou a vicepresidenta.

"Que o Pazo de Meirás continúe na man da familia Franco significa que a transición non está rematada”

Goretti Sanmartín explícalle na carta remitida ao ministro que os informes xa foran enviados con anterioridade a Patrimonio Nacional e ao ministerio de Presidencia dirixido entón por Soraya Sáenz de Santamaria, de quen recibiran "unha resposta que mostraba a pasividade do goberno de Rajoy e a vontade de non mover nada do atado e ben atado que deixara Franco o seu patrimonio". A vicepresidenta da Deputación considera que "o cambio de goberno e de sensibilidade no ámbito da recuperación da memoria histórica fainos ter esperanza en que o goberno central mova ficha e se anime a coller o tema coa seriedade e a celeridade que merece", polo que solicita unha xuntanza para tratar polo miúdo os contidos dos informes e falar dos camiños a seguir a partir deste momento para recuperar o Pazo para o patrimonio público. 

Sanmartín confía en que "non se estableza unha dupla velocidade para o Val dos Caídos e o Pazo de Meirás. Considera que "a recuperación do Pazo -que a familia puxo en venda á morte da filla do ditador- é unha cuestión de especial relevancia xa que este é o símbolo da ditadura, da súa prepotencia, do exercicio do poder tiránico e do roubo que se lle impuxo á tantas persoas".

Comentarios