ESIXEN A RETIRADA DE RECOÑECEMENTOS OS FASCISTAS

A Deputación da Coruña conserva 35 símbolos e honras franquistas

O Colectivo de presas e presos políticos da ditadura denuncia na Asociación Cultural Alexandre Bóveda que aínda quedan 35 símbolos franquistas na Deputación da Coruña, moitos deles xa retirados hai anos noutros entes.

Presentación Manuel Monge con Manuel Villares
photo_camera Monge e Manuel Villares durante o acto na A.C Alexandre Bóveda (M.M.)

Son un total de 35 os símbolos franquistas que aínda quedan na Deputación da Coruña, segundo datos revelados por un informe elaborado polo Colectivo de presas e presos políticos da ditadura.

No documento, presentado na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, denúnciase, ademais, que “a maioría” deses 35 xa foron retirados noutros lugares. Así, como explica Manuel Monge, membro do colectivo, “danse circunstancias como a relativa ás figuras de José Antonio Girón de Velasco –falanxista e ministro de Traballo durante a ditadura- ou Constantino Lobo –xeneral golpista-, que conservan os títulos de fillos predilectos da provincia da Coruña, un recoñecemento outorgado pola Deputación que preside desde hai máis de catro anos Valentín González Formoso, o mesmo que lles retirou as distincións cando era alcalde de As Pontes.

Preguntado por Sermos Galiza sobre as causas dese desleixo á hora de facer cumprir a Lei de Memoria Histórica logo de case quince anos da súa promulgación, e máis nunha institución como a Deputación Provincial da Coruña , Monge pensa que “non houbo unha coordinación nin unha preocupación polo que pasaba arredor”, no sentido de “non preocuparse por ver se na túa contorna estaban quitando distincións e ti as seguías conservando”.

“Por exemplo, a Enrique Cánovas Lacruz, quen se levantou na guarnición da Coruña, xa se lle retirou o titulo de fillo adoptivo no Concello da coruña hai dez anos, así como unha praza que levaba o seu nome, que sentido ten manterlle o título de fillo adoptivo da provincia?  A Deputación o que ten que facer é sentar, escoitar e ver que teñen xente á cal só quedan eles conservándolles as distincións honorarias, pois xa llas quitaron en moitos sitios, moitísimas veces o propio PSOE”, engade.

“Tocar os intocábeis”: o caso de Pedro Barrié de la Maza

Como apuntaba nun artigo publicado en Sermos Galiza a pasada semana, Manuel Monge cre que “chegou a hora de meter dentro do lote dos fascistas unha persoa que parecía intocábel: Pedro Barrié de la Maza”.

Segundo relata o ex concelleiro do BNG na Coruña entre 2003 e 2007, tanto no Concello da cidade herculina como no ente provincial conserva distincións honoríficas, pero “alén do que se difunde na súa biografía oficial está que foi un dos franquistas que promoveron a Junta Pro Pazo del Caudillo para regalarlle Meirás a Franco, e o mesmo exactamente coa operación da Casa Cornide”.

Ademais, Manuel Monge afirma que Barrié de la Maza “foi claramente beneficiado pola ditadura”. “Preguntémonos de onde veu a súa fortuna, como sacou tallada da Guerra Civil española e todos os beneficios que logrou froito da estreita amizade que mantiña con Franco”, apostila.

Moito por facer na Deputación

A Deputación Provincial da Coruña aprobou no pasado comezar coa eliminación da simboloxía franquista que quedase por executar. Desde o Colectivo de presas e presos políticos da ditadura recomendan ao ente que “mire” a documentación que lle facilitaron e se de conta de que “só quedan eles concedéndolles distincións honorarias aos fascistas, pois xa lla quitaron en infinidade de sitios, moitas veces o propio PSOE”.

“O que fai falta é facer o mesmo que noutros sitios como Badajoz ou Valencia, onde hai xa tempo que o PSOE provincial tomou a decisión de facer inventario de toda a simboloxía franquista que tiñan por alí. Nós defendemos que aquí a Deputación ten que facer un catálogo de toda a simboloxía franquista, dedicando unha partida para que historiadores e persoal axeitado faga ese inventario, pois no conxunto da provincia hai máis de 200 símbolos franquistas, unha cantidade vergoñenta que non cabe tomar á lixeira”, conclúen.

Comentarios