O Déportivo sae vencedor do "paripé"

"Paripé", "sainete", "ópera bufa"... son só algunhas das verbas que se empregaron para definir o partido Dépor-Fuenlabrada nas súas xornadas previas, e o tempo demostrou que non podían ser máis atinadas. Porque o vivido en Riazor certificou un escándalo para o que os asubíos do árbitro non suporán o punto final.
No eido exclusivamente futbolístico, o Deportivo volveu recordar por que, a día de hoxe, é equipo de Segunda División B. (Foto: CFF Fuenlabrada).
photo_camera No eido exclusivamente futbolístico, o Deportivo volveu recordar por que, a día de hoxe, é equipo de Segunda División B. (Foto: CFF Fuenlabrada).

O resultado é o de menos. Como adoitan xustificar as fans das series que conclúen cun final pouco satisfactorio, "o importante non é o final, senón o camiño percorrido". E con este peche en falso do escándalo do 'Caso Fuenlabrada' que representou o partido que xogou onte en Riazor o Dépor cos madrileños acontece un pouco o mesmo.

Que se disputase un encontro que estaba pendente desde o pasado 20 de xullo logo da multiplicación de positivos en Covid-19 entre a expedición do Fuenlabrada non supón a conclusión da polémica que monopolizou a información deportiva ao longo destas últimas tres semanas, porque as súas consecuencias estenderanse durante meses, ou tal vez anos.

Polo de agora, unha cousa é segura: o Deportivo é equipo da Segunda División B, algo tan incuestionábel a día de hoxe como o son as numerosas irregularidades cometidas desde primeira hora do día de onte pola escuadra do sur de Madrid.

A entidade asesorada xuridicamente polo fillo do presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), Javier Tebas, entrou na Coruña contra as seis da tarde repartida en dous autobuses que ían escoltados por catro unidades blindadas das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado

Este parece un dato irrelevante, máis supón o enésimo quebrantamento do protocolo anti-Covid da LFP por parte do Fuenlabrada, pois implicou que as persoas encargadas do material chegasen ao estadio de Riazor unha hora e 15 minutos máis tarde do indicado no punto 8.2, que di que teñen que estar no campo tres horas antes do inicio oficial do encontro.

A isto habería que engadir o feito de que o Fuenlabrada tamén fixo caso omiso da norma do protocolo da Liga que indica que os equipos visitantes teñen a obriga de publicar o nome das persoas que integran unha expedición 48 horas antes do encontro.

Mais o peor foi o de que -facendo bo ese vello dito de que "o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra"- tratasen de viaxar a Galiza con varios xogadores positivos nas análises efectuadas polo laboratorio Synlab durante os días previos ao escándalo do 20 de xullo, aínda que, por unha vez, a Liga actuou con sentido común e non permitiu que eses profesionais que se unisen a unha expedición que estivo conformada unicamente por 15 futbolistas, sete profesionais, o mínimo imprescindíbel para poder xogar o partido.

Antifútbol en Riazor

O mesmo día no que en 1952 era asasinado polo fascismo un deportivista de pro, o guerrilleiro Benigno, 'Foucelhas', os branquiazuis ofreceron un pobre espectáculo nun Riazor sen seareiras nas bancadas.

Fronte un rival con só dous homes no banco e cun porteiro que xoga habitualmente na Primeira Rexional, os de Fernando Vázquez non fixeron practicamente nada e chegaron ao descanso perdendo 0-1. No segundo tempo empatou Beauvue no 83 e meteu tamén o gol da vitoria de penalti (2-1) no tempo engadido.

As afeccións de todos os equipos do Estado, unidas contra Javier Tebas

Que teñen en común unha seareira do Celta, unha do Dépor e outra do Lugo cunha do Raio Vallecano, o Sevilla, o Real Murcia, o Oviedo, o Athletic de Bilbao, o Xaén, o Albacete, o Racing de Santander, o Eibar, ou o Alcorcón? O desprezo indisimulado polo presidente da Liga, o ultradereitista Javier Tebas. Horas antes do Dépor-Fuenlabrada, peñas e afeccións de practicamente todos os conxuntos profesionais do Estado promoveron o hashtag #TebasPerigoPúblico nas redes sociais, para esixir a inhabilitación e a desvinculación total de Tebas do mundo do fútbol, un obxectivo compartido tamén polas directivas do Real Club Deportivo e do Numancia de Soria, que na mañá de onte enviaban un escrito ao Consello Superior de Deportes pedindo a suspensión do presidente da Liga.

Comentarios