Os deportes de contacto xa teñen máscara

A Federación Galega de Balonmán presentou unha nova máscara técnica, após semanas de probas, que podería solucionar o problema da seguridade sanitaria neste e noutros deportes de contacto. O modelo conta con axuste especial e unha respirabilidade adaptada para a competición que se practique en equipo. 
Máscara técnica prevista para o balonmán (Nós Diario)
photo_camera Máscara técnica prevista para o balonmán (Nós Diario)

O balonmán galego xa conta cunha máscara adaptada para a súa práctica e poder respectar desta maneira os protocolos marcados desde Xunta da Galiza para os deportes de contacto. A Federación Galega de Balonmán (FGB) presentou esta pasada quinta feira, 15 de outubro, a peza técnica que empregarán os clubs esta tempada e que elaborou, após semanas de probas, a empresa viguesa Amura Sport.  

"Estamos moi contentos co resultado", sinalaba o presidente da FGB, Bruno López Molina, "despois de moito traballo por ambas as partes, logrouse un modelo ergonómico, cun alto grao de filtración bacteriana, lixeiro e cun sistema de suxeición adaptado ás necesidades do balonmán”, engadía. 

Experiencia con máscaras noutros deportes

A responsábel de Amura Sport, María Regojo, explica a Nós Diario que comezaron a traballar cunha máscara especial para as disciplinas colectivas de contacto cando souberon que a FGB estaba á procura desta protección obrigada pola pandemia da Covid-19. Esta compañía levaba meses traballando con outros modelos de máscaras especiais que xa están empregando outros deportes como o remo ou o piragüismo. No caso do balonmán, tiveron que modificar algunhas particularidades. 

"Teñen unha serie de características moi concretas no seu axuste, na respirabilidade e a súa eficacia na filtración bacteriana", relata Regojo. Esta peza de illamento sanitario que deseñaron para o balonmán, ademais, sería válida para calquera dos outros deportes que teñen un desenvolvemento deportivo semellante. 

Estudos de rendemento

O xefe dos servizos médicos e vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Fernando Mosquera, seguiu de perto os avances e certificacións deste modelo. A máscara foi sometida a estudos de rendemento deportivo a diferentes intensidades que van desde a baixa até a alta, sen amosar diferenzas substanciais nos índices de saturación de parcial de osíxeno ou de frecuencia cardíaca.

Como resultado, comprobouse que ten unha filtración bacteriana superior a 90% e un índice de respirabilidade do 13Pa/cm2. Con respecto ao seu uso, presenta unha vida útil recomendada de 20 lavados sempre e cando se realice con deterxente normal a un máximo de 60 grados, na lavadora, aínda que a Federación afondará neste tema e noutros moitos relacionados co seu correcto uso nun curso do protocolo Fisicovid-DXT Galego que se desenvolverá a partir deste sábado. 

Financiamento das máscaras para os clubs

Unha das preocupacións dos clubs era o tema do custo desta peza. Desde a FGB informaron, tal e como se decidiu na pasada asemblea, que investirán 100% dos dereitos de participación da presente campaña na financiación de máscaras para distribuíla entre os clubs, coa finalidade de que ningunha nena ou neno deixe de practicar balonmán pola imposibilidade de adquirilas. Os pedidos desta prenda sanitaria poderán realizarse a través da tenda online na páxina web da FGB.

A máscara adaptada podería ser unha solución para outros deportes de contacto

A orde do día 17 de setembro da Consellaría de Sanidade, na cal se abriu a posibilidade da práctica deportiva con contacto mais coa obriga de usar máscara nos adestramentos e na competición, causara malestar nalgúns deportes dos denominados "de contacto". A sensación de afogo e a perda da propia máscara en xogo eran algunhas das principais eivas que sinalaban, daquela, algunhas federacións e clubs.

No caso do Rugby, a proposta era mudar parte da súa regulamentación e no Karate xa se fixeron cambios na duración dos combates. A intención de adaptar a máscara á práctica doutros deportes a través deste novo prototipo presentado na FGB, abre a posibilidade da volta á actividade nas competicións e adestramentos en disciplinas que agora mesmo aínda están sen comezar. 

Comentarios