Deportacións a Turquía, o plan da UE para as persoas refuxiadas

O presidente do Consello europeo, Donald Tusk, asegurou que "os días da migración irregular en Europa remataron".

Gabriel Tizón
photo_camera [Imaxe Gabriel Tizón]

O 7 de marzo tivo lugar máis unha cimeira entre a UE e Turquía para abordar a crise de persoas refuxiadas. No encontro os líderes comunitarios e o primeiro ministro turco, Ahmet Davutoglu, avanzaron nun acordo que, no entanto, será debatido noutra xuntanza os días 17 e 18 de marzo. 

Nas conversas que están a manter as autoridades comunitarias coas turcas están a obviar as agresións do exército turco contra o pobo curdo no leste do país, a ofensiva que mantén contra as milicias de autodefensa popular curdas en Siria malia o cesamento ao fogo declarado e o feito de que a pasada fin de semana a policía turca atacase a redacción do xornal Zaman, un dos críticos co réxime de Tayyip Erdogan, destituíse o seu director e colocase, no seu lugar, un funcionario gobernamental. 

Así as cousas, os puntos chave do plan que a Unión Europea prevé implementar a respeito dos milleiros de persoas que buscan asilo en territorio comunitario e sobre os que as autoridades europeas e turcas teñen posicións comúns son os seguintes:

1. Deportación a Turquía das persoas refuxiadas que chegan ás illas gregas. Será sobre terreo turco onde se analice a situación de cada unha das persoas para determinar se son ou non acollidas na UE. Neste senso, o Consello europeo e Ankara visan aplicar o principio 'un sirio si, un non' o que suporía das asilo a unha persoa por cada unha que Turquía asuma. É dicir, o reasentamento dunha persoa refuxiada de Turquía na UE por cada persoa siria readmitida por Turquía que proveña de Grecia. Un procedemento que podería resultar ilegal malia que as autoridades comunitarias aseguran que a lexislación o permite. 

A UE e Turquía visan estabelecer o principio de reasentamento dunha persoa refuxiada de Turquía na UE por cada persoa siria readmitida por Turquía que proveña de Grecia

2. Fican excluídas persoas de procedencias distintas a Siria. A maior parte das que actualmente chegan a Grecia proveñen tamén de Iraq e Afganistán. 

3. Fechamento do roteiro dos Balcáns. Permanecen en Grecia por volta de 40 mil persoas que agardan entrar en Macedonia. A fronteira está fechada e segundo informan xornalistas deslocadas na zona como Alberto Sicilia através das redes sociais, a poboación sobrevive en tendas de campaña ao raso situadas sobre un lameiro. 

4. Como contapartida Turquía recibirá, para alén dos 3 mil millóns de euros aprobados no mes de outubro, diñeiro adicional. Acelerar o procedemento administrativo que permitirá á cidadanía turca viaxar a territorio comunitario sen visado co obxectivo de que este requerimento desapareza en xuño de 2016. Abertura de novas mesas de negociación para a adhesión de Turquía á UE. 

A UE acelerará a adhesión de Turquía na UE

5. A NATO intensificará a súa actuación no Exeo e devolverá a Turquía as embarcacións que sexan interceptadas. 

Segundo o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, en declaracións posteriores ao encontro mantivo na xornada de onte, o obxectivo do acordo alcanzado entre a UE e Turquía é "enviar unha mensaxe clara de que os días da migración irregular en Europa remataron". Porén, as autoridades comunitarias incumpriron os seus propios acordos pois, malia comprometérense a dar acollida a 160 mil persoas refuxiadas en setembro de 2015 até o momento apenas unhas 700 foron reasentadas. 

Comentarios