O Dépor ten moita dinamita arriba

Resultado inxusto? Talvez. Mais isto do fútbol vai a goles e o Deportivo ten esta temporada dous puntas top que, alén de máis, viven en estado de graza. Deixarse ver por Riazor é nestas condicións un tormento para os visitantes.

gol
photo_camera Quique González corre en dirección á banda após anotar un dos seus dous goles

O Oviedo veu a Coruña coa lección ben aprendida: vir a Riazor a te acantonar na área é tanto como asinar a túa sentenza (no que vai de campionato, só voou un punto do feudo branquiazul, face o Málaga, e foi sen xustiza). Os de Anquela dispuxéronse entón sobre o céspede coa intención de lle disputar o monopolio da bola aos de Natxo González. A primeira metade foi logo un duelo entre dúas equipas que apostaban no xogo combinativo. O Oviedo pareceu en todo momento o que é, un combo capaz de practicar un xogo aseado dirixido por un treinador suficientemente espelido como para mudar a partitura en función do rival. Acertou Anquela ao xogar polos costados, con xente moi envorcada sobre a liña de banda, a procurar así explotar as feblezas do rombo local (sofre o Deportivo polas bandas ao ter os interiores demasiado tirados ao centro).

Ben, o Oviedo tivo certa vantaxe posicional táctica, mais os partidos non se dirimen sobre a pizarra. É sobre a herba onde se disputan e é na beira das porterías onde se deciden. E aí o Deportivo, nomeadamente en Riazor, está intratábel. As cousas no fútbol son así: o Oviedo dominou durante os primeiros 20 minutos mais apenas inquietou Dani Giménez. O Dépor botou entón un córner e, no medio e medio da defensa asturiana, apareceu bastante soíño Domingos Duarte para, de cabeza, anotar o seu terceiro gol do campionato. Tres goles para un defensa central a estas alturas da liga é un tesouro só ao alcance de equipas que, como o Dépor, teñen un potencial ofensivo brutal nesta categoría.

O 1-0 non alterou grande cousa a marcha do xogo. O Oviedo continuou a ter as súas opcións. Até que aconteceu o vendaval. Foron 10 minutos, o lapso comprendido entre o 65 e o 75. Aí apareceu a dupla de moda na Segunda División, Quique González e Carlos Fernández. Fixeron tres goles neses 10 minutos e aínda puideron caer máis. Durante esa treboada ofensiva, o Oviedo pareceu un equipo xuvenil fronte ao campión da Champions. 

E non por acaso eses 10 minutos de descarga eléctrica sobre a portería ovetense coincidiron coa entrada na cancha de Fede Cartabia, quen voltaba dunha demorada ausencia por lesión. O arxentino é un futebolista diferencial, moi por cima da categoría. Foi un pesadelo para os visitantes, danzando entre liñas, burlando muros, xogando ao primeiro toque a unha velocidade endiañada. O seu retorno, se é quen de pór fin á súa preocupante tendencia a se mancar, torna aínda máis letal o arsenal ofensivo do combo branquiazul.

4-0 e que pase o seguinte. 

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pedro Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños (Pedro Mosquera, min. 84), Vicente Gómez, Carles Gil (Fede Cartabia, min. 65), Carlos Fernández e Quique (Didier Moreno, min. 81).

Real Oviedo: Champagne, Carlos Hernández, Forlín (Boateng, min. 74), Alanís, Bárcenas, Javi Muñoz, Tejera (Johannesson, min. 79), Folch, Christian Fernández (Mossa, min. 65), Joselu e Ibrahima Baldé.

Goles: 1-0 Domingos Duarte (min. 21); 2-0 Quique (min. 65); 3-0 Carlos Fernández (min. 73); 4-0 Quique (min. 75).

Árbitro: Ocón Arráiz (c. rioxano). Non amosou cartóns.

Incidencias: partido correspondente á 13ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR perante 18.862 espectadoras e espectadores.

Comentarios