Opinión

O Dépor papou cachopo completo

O Dépor foi a Xixón a librar unha desas batallas que suman para un ascenso. Porque ese é o significado da vitoria fóra da casa dos herculinos. O cambio de sistema confirma, por segunda vez, que era necesario e que os futbolistas non só se topan moito máis cómodos nel, senón que ofrecen mellores prestacións nos seus postos. 

Foi un partido, como indica o propio marcador, sufrido. Axustado. Pelexado. Trepidante só nos primeiros vinte minutos, onde se marcaron os goles. O Dépor desfondouse para conservar a vitoria. Custoulle porque o Sporting estivo máis presente na zona de perigo que o equipo coruñés. O resto do partido, a partir dos goles, foi feo no estético, pero cargado de tensión ata a última xogada. 

O fillo pródigo do Dépor, Álex Bergantiños, marcou na terra que o acolleu o ano pasado cando Pepe Mel non soubo ver nel que había máis que unha perla. Unha puñada dolorosa para os asturianos, que se entende. O fútbol sempre ten estes caprichos. Son leis non escritas que se cumpren sin saber por que. O capitán do Dépor estaba no sitio oportuno aproveitando a bicoca dun saque desde o curruncho. O Sporting respondeu rápido ó gol deportivista e anunciaba que este partido non ía ser o de Riazor. E non foi, salvo polo resultdo. Porque en menos de quince minutos o Dépor liquidaba o partido cun segundo gol de Christian Santos

Foi un partido, como indica o propio marcador, sufrido. Axustado. Pelexado

 

O venezolano recuperou a autoestima co cambio de sistema de Natxo. Sabe que agora ten mellor encaixe e que non lle toca outra que ofrecer rendibilidade para acumular e consolidar a confianza que se espera del. O labor de Christian é finalizar xogada e ser un cazagoles. Renunciar ó rombo significa xogar cun dianteiro centro clásico. E o venezolano é un dianteiro “vintage” elegante, que, polo de agora está aproveitando o seu momento. Ante a seca de homes como Quique González e Carlos Fernández, para un equipo que precisa ascender é fundamental que os dianteiros reservas fagan de bos remudistas. Pode fallar a xeira persoal, pero non a do equipo. E este ano, o Dépor ten iso. Todos aportan goles. Quique González e Carlos Fernández sumaron na primera volta dezasete goles. Agora, Borja Valle e Christian Santos levan dous na segunda volta, sete en todo o campionato. Números moi positivos que constrúen a fortaleza do proxecto.

As dúas últimas vitorias, sementadas sobre un cambio de sistema, significan que o Dépor aliviou a crise e loita por ter unha nova identidade. As próximas visitas do equipo coruñés son complicadas. A medida do Spórting é unha boa referencia a seguir.

Malia as continuas chegadas dos asturianos na área de Dani Giménez, a defensa salvou como puido as ocasións que creaban os xixoneses e, tamén, é xusto dicilo, atopou a maridaxe dunhas oportunas pingas de sorte, moi necesarias cando un equipo ten obxectivos en xogo polos que loitar, moi propio dos equipos grandes.

Mérito na vitoria tamén a tivo Natxo González. Unha das razóns xa se expuxo aquí, a de saber remover na cociña e renunciar ás ideas propias, que estaban enraizadas no seu manual de técnico. En Xixón repetiu case a mesma receita, pero donde estivo maxistral foi cos trocos e nos momentos oportunos. Todos os futbolistas que participaron entenderon cal era a misión e superaron con nota a proba.

En Asturias, o Dépor levou moitas alegrías. Os afeccionados que viaxaron, meténdolle o dente ó cachopo e celebrando una vitoria importante lonxe de Riazor. O equipo, tamén contento porque volveu atopar unha fórmula mellor ca un cachopo. Queda por ver se esta nova xeira vai durar tanto tempo como leva roelo.  

Comentarios