O Dépor empata nas Palmas cinco minutos despois do tempo regulamentado

Pelexou ate o derradeiro segundo do partido. Tanto que Domingos Duarte igualou de cabeza -despois dun córner colocado por Carles Gil e peiteado por Quique- o marcador cando pasaban cinco minutos do minuto 90 e os coruñeses marcharon cun valioso 1-1 das Palmas.
 

dépor las palmas
photo_camera Imaxe do UD Las Palmas - Dépor. Foto: Deportivo da Coruña.

O Dépor comezou dominando o encontro, polo menos se a referencia é a posesión do esférico. Non obstante, as dúas equipas foron prudentes. A UD Las Palmas só presionaba cando os de Natxo González pasaban o medio do campo. Só no minuto 21 houbo unha situación de perigo. O branquiazul Carlos Fernández enviou a pelota ao pau.

Dez minutos despois, os canarios tiveron a súa primeira ocasión, cun disparo de Javi Castellano que saiu moi por riba do traveseiro. Mais no inicio da segunda parte, Las Palmas adiantouse aos galegos.

Desde 25 metros, Ruiz de Galarreta meteu o primeiro gol, colocado e fóra do alcance do porteiro deportivista, Dani Giménez. O encontro continuou igualado, con certo perigo nas dúas áreas aínda que con inclinación cara aos deportivistas.

No minuto 80, os canarios tiveron nas botas de Araujo a oportunidade de sentenciar o partido, mais Domingos Duarte impediu o man a man do amarelo con Dani Giménez. Xa máis alá do minuto 90, o propio Duarte salvou un partido en que o Dépor volveu demostrar que pelexa deica o derradeiro salaio de cada encontro.

Os coruñeses mantéñense no grupo de cabeza da segunda división e, até agora, só perderon un partido.

Ficha técnica

UD Las Palmas: Raúl Fernández, Lemos, Deivid, Cala, De la Bella, Ruiz de Galarreta (Dani Castellano, min. 75), Javi Castellano (Maikel Mesa, min. 85), Timor, Rubén Castro (Tana, min. 46), Rafa Mir e Araujo.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pedro Marí, Saúl (Diego Caballo, min. 56), Edu Expósito, Álex Bergantiños (Carles Gil, min. 77), Vicente Gómez, Pedro (Christian Santos, min. 68), Carlos Fernández e Quique.

Goles: 1-0 Ruiz de Galarreta (min. 48); 1-1 Domingos Duarte (min. 90+5).

Árbitro: Soto Grado (c. riojano). Expulsou o técnico deportivista Bernardo Tapia (min. 88) e o canario Manolo Jiménez. Cartón amarelo para a Carlos Fernández (min. 29), Lemos (min. 57), Deivid (min. 60), Timor (min. 68), Diego Caballo (min. 71) e Domingos Duarte (min. 87).

Incidencias: partido da 12ª xornada de segunda división no Estadio Gran Canaria ante 15.499 espectadores.

Comentarios