Opinión

Dépor: coidado cos fuciños!

Vaia por diante que penso que o Dépor vai ascender. Xa non sei se como campión, pero estou convencido de que ascenderá.

Vaia por diante que penso que o Dépor vai ascender. Xa non sei se como campión, pero estou convencido de que ascenderá. Iso si, se o podía facer folgadamente, semella que corre risco de sufrir ata o último partido. Coidado coas relaxacións. Xa o dixo Arsenio Iglesias hai vinte anos: “coidado coa festa que nola quitan dos fuciños”. A historia non pode repetirse, pero para que non se repita hai que poñer remedios.

Vaia por diante que desta vez os xogadores tiveron actitude. Respecto á semana pasada, neste aspecto nada que dicir. E vaia por diante que o Lugo soubo xogar moi ben as súas cartas. Tivo a intelixencia de esperar o seu momento e saber ler mellor o partido. Un mérito do Lugo que hai que aplaudir.

Do líder espérase un comportamento de líder. Con madurez. Sabio na xestión. Seguro na resolución. Intelixente na dosificación. Oportunista na situación de partido. Convencido do que ten que facer en cada minuto. Pero en Lugo unha vez máis vimos como o bafo dunha mesta néboa nublou o pensamento dos deportivistas. E iso que sobre o Anxo Carro luciu un sol espléndido.

Mala lectura desde o banco

E se desta vez non é reprochable a actitude dos xogadores, si que debe discutirse a mala lectura que desde o banco se fixo do encontro. Fernando Vázquez fallou no momento máis oportuno de encontro, coma sucedeu tamén có Tenerife en Riazor, aínda que a situación non é comparable. Fenando Vázquez sinalou a Quique Setién o estado de ánimo do seu equipo. Sen forzas, canso, rexeitando a seguir xogando. Dando por pechado antes de tempo un marcador aberto.

Fernando Vázquez fallou no momento máis oportuno de encontro, coma sucedeu tamén có Tenerife en Riazor

Porque foi un erro evidente sacar un defensa máis quitando un dianteiro, deixando o equipo sen ninguna referencia en ataque. Recurso ó que tivo que volver despois con Borja evidenciando que o primeiro cambio foi unha decisión equivocada.Toda a bancada do Anxo Carro se deu conta desde o principio. Berraba “miraos como se acoj…” e máis claro foron tralo primeiro gol do Lugo co seu alegato de ataque “a por eles, a por eles“. Estaba cantado. Todo o estadio estaba vendo o mesmo. O Dépor meteu ó Lugo no encontro, anunciando ó rival que tiña problemas. Un troco que soou a retirada. O equipo coruñés cando fixo o primeiro movemento estaba fundido, sen folgos. Pero tiña tres cambios para poder aliviar o seu xogo. Ifrán e Sissoko non podían cos calcetins e precisaban un clarísimo refresco que chegou demasiado tarde. Decisións tomadas do revés. Unha falta de lectura de partido que deu ó traste co que debeu ser unha clara vitoria branco e azul. Dun 0-2 pasouse ó 2-2, que resume, finalmente, un resultado xusto. Unha ocasión perdida. E a sensación de que no canto de gañar saiu perdendo de Lugo.

As verbas de Arsenio Iglesias

Pareceume realmente curioso que Setién dixese que o Dépor xogou con gran intensidade e con gran despregue físico a primeira metade. Foi moito máis claro cando recoñeceu que o Lugo se viu metido no encontro ó ver ós herculinos replegados ofrecéndolles o 70 por cento do campo e ante un rival cansado. Aínda que curioso foi ver dous recén chegados como Sissoko e Ifrán canso, sen peito para continuar, que só se pode explicar se entendemos que son dous xogadores que están fóra de punto por non adestrar a maioría do ano. De aí que sexa esixible que o adestrador teña a tranquilidade e a visión destas cousas desde a súa posición.

Postos na análise resultadista, todo apunta a que sete puntos respecto ó terceiro é unha vantaxe. Máis que suficiente para ascender. Pero lembro de novo as verbas de Arsenio Iglesias de hai 20 anos. Unha cousa é que estea asumido desde fóra que o ascenso non se pode escapar e outra moi distinta e que se trate de ascender sen despeitearse. Se algo vimos toda a temporada e que a tensión non se pode perder ata o último minuto. Cantos puntos salvou o Dépor precisamente no último minuto dos partidos desta campaña?

O Dépor ten un calendario aparentemente asequible porque, salvo o Eibar, todos están na zona baixa da táboa. Pero ollo, porque son equipos que aínda teñen moito que xogar. Así que… coidado cós fuciños!

Comentarios