0-0

O Dépor atóase en Riazor e empata co Almería

O Dépor deixou dous puntos na casa. Fíxoo contra o Almería. O seu décimo cuarto empate da tempada, desta volta sen goles, colócao a catro puntos do ascenso directo e no grupo de cabeza da Segunda División.
 

dépor almería
photo_camera Imaxe do Dépor Almería do 22 de marzo. Foto: Deportivo da Coruña.

O Almería comezou co control do partido e no minuto tres xa enviaba un balón ao paso. Mais o Dépor axiña raccionou e tomou as rendas do encontro sen acabar de concretar. Só no minuto 22 Pablo Marí cabeceou apenas un pouco por riba do cabeceiro. Os deportivistas iniciaron así unha serie de ocasións de gol.

No minuto 40, o gardameta do Almería Dani Giménez parou un dereitazo de Juan Carlos. Mais o partido foi sen goles ao descanso. No regreso, foi o Dépor novamente o que creou perigo nunha xogada ntre Saúl, Christian Santos e Pedro. Pasados 15 minutos da segunda, Dani Giménez impediu que o Almería fixese gol, ao se impor a Corpas. Este volveu ter outra oportunidade no minuto 72, pero botou fóra o esférico por centímetros.

Xa no tramo final do encontro, o Dépor envorcouse contra a portaría do equipo visitante. Foi no tempo de desconto que Domingos Duarte case decide a vitoria a prol dos galegos. A pase de Nahuel, quedou man a man co porteiro do Almería, que finalmente detivo o balón.

Ficha técnica

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl (Vítor Silva, min. 78), Vicente Gómez, Didier Moreno, Pedro, Fede Cartabia, Borja Valle (Nahuel, min. 67) e Christian Santos (Quique, min. 78).

UD Almería: René, Romera, Owona, Saveljich, Iván Martos, Yan Eteki, De la Hoz, Corpas (Narváez, min. 73), Juan Carlos (Chema, min. 79), Luis Rioja (David Rocha, min. 89) e Álvaro Giménez.

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Saveljich (min. 25), Vicente Gómez (min. 44), De la Hoz (min. 52), René (min. 82), Álvaro Giménez (min. 84) e Fede Cartabia (min. 84).

Incidencias: partido correspondente á 31ª xornada en Riazor ante 16.310 espectadores.

Comentarios