O Dépor aspira a asaltar o Mini Estadi

As galegas queren dar a sorpresa ante o Barcelona hoxe ás 19 horas.
662x372a_212029452020-02-21_deporabanca
photo_camera O Dépor xoga ás 19.00 horas de hoxe (Foto: RC Deportivo).

56 puntos de 60 posíbeis. 18 vitorias, dous empates e nin unha soa derrota. 81 goles a favor -catro por partido de media- e seis en contra. As súas estatísticas son tan demoledoras que caer no topicazo definíndoas como as Goliath da categoría, suporía ser demasiado amábel con Goliath.

O dominio do Fútbol Club Barcelona en Liga non admite comparación. Mais isto non é a Liga, senón os cuartos de final Copa da Raíña, e as súas rivais son as galegas do Deportivo Abanca, a gran revelación do fútbol feminino a nivel estatal.

A eliminatoria resolverase a un único partido que terá lugar hoxe ás 19 horas no anteriormente coñecido como Mini Estadi, hoxe Johan Cruyff.

Esa aparente superioridade blaugrana non amedrenta a escuadra galega, que en boca do seu adestrador, Manu Sánchez, sinala que irá a Barcelona "a dar guerra". 

"Será un partido diferente. Nos oitavos de final vivimos unha festa do fútbol galego en Riazor, e agora esperamos vivir outra en Barcelona. Imos á casa do mellor equipo da categoría, agardamos un Barcelona moi forte e aínda non teño clara a estratexia. Segundo como estean as xogadoras fisicamente tomaremos unha determinación ou outra", engadiu.

Pola súa banda, unha das estrelas branquiazuis, Athenea, indica que en 90 minutos "pode pasar calquera cousa", e está convencida de que son quen de facer "algo grande".

"Tocounos co rival máis forte pero nós imos a Barcelona a pola vitoria, sen complexos e con moitas ganas. Temos un amplo pantel, e o adestrador pode rotar sen que se note quen non está sobre o verde", apuntou en referencia á baixa de Alba Merino, que será operada durante a mañá de hoxe, logo de padecer unha fractura de clavícula.

Os boletos están dispoñíbeis entre os tres e os cinco euros e se, tal e como parece, acompaña a climatoloxía, agárdase unha boa entrada nun campo con capacidade para 15.000 espectadoras.

Comentarios