Opinión

Dépor: un chute de moral

O Dépor cumpriu co Eibar, por segunda vez. Nun partido totalmente diferente ó da ida en Ipurúa. Non foi un partido correoso, duro, intenso, abafante. Nada que ver.

O Dépor cumpriu co Eibar, por segunda vez. Nun partido totalmente diferente ó da ida en Ipurúa. Non foi un partido correoso, duro, intenso, abafante. Nada que ver. O equipo de Fernández xogou o partido máis cómodo de toda a temporada en Riazor. Nada que ver co bravo rival ó que tivo que derrotar cun tremendo desgaste físico 19 partidos atrás. Todo foille máis sinxelo. Mesmo o cadro coruñés se atopou con dúas bolas extra, dous agasallos de Irureta e Ekiza, respectivamente. Dous erros fatais deles foron a sorte deportivista. Pero non todo foi sorte porque o Eibar apenas compareceu en Riazor.

Probablemente, cruzáronse urxencias diferentes. Sobre o campo quedou o poso dun equipo que semella dar algún sinal de esgotamento. O Eibar pode ir cara abaixo, pero pode ser unha caída controlada. Xa se verá. Pero ós vascos saben que controlando a Levante, Elxe, Córdoba e Granada teñen a súa misión cumprida. No caso dos coruñeses, co pouco gran almacenado na primeira parte do inverno, a visión é diferente.

Nada teñen resolto. Nin Eibar, nin Dépor. Pero a segunda vitoria consecutiva do cadro coruñés é un chute de vitamina, un choque emocional moi positivo, a ignición dun espantallo, a constatación dun esperado “Yes, we can” á galega, un cambio de rumbo. Si, porque tan importante como ter mentalidade de gañar é crer. Os efectos balsámicos desta nova tendencia positiva son evidentes: o Dépor descomprime a presión que o afogaba, gaña tempo para pensar e poder manexar a situación, obtén un gran calmante para recuperarse.

O arranque da segunda volta mostra unha nova dirección: 6 goles a favor e 3 en contra. Nos mesmos partidos da primeira volta os branco e azuis sumaron 4 puntos, na segunda sete

Din que a fe move montañas, e o primeiro que cre é Lucas. Non está a ser unha tempada sinxela para o de Monelos. A lesión e as molestias foron un obstáculo maldito. Malia as dificultades, vénceas día a día tirando os bloqueos que lle afectan á cuneta. As preocupacións quedan no vestiario. Sobre o terreo de xogo hai un Lucas descarado, pícaro, con fame. Na recuperación do Deportivo ten moito que ver o xogador coruñés. E os números así o din. Cando Lucas está, o equipo mellora os seus resultados, non perde. Pero a figura deste futbolista vai un pouco mais alá. Aínda que o don da ubicuidade está reservado para os relatos metafísicos, o certo é que Lucas sempre está onde é necesario, onde hai que estar. Unha axuda, un acompañamento final dunha xogada, unha parede, un toque preciso. Xa que logo, non será o da ubicuidade, pero si é o don da oportunidade. Non é casualidade. Ten o sentido do xogo. Está presente. Nótase. É efectivo e está mentalizado. Só xogou 6 partidos, pero o seu índice de efectividade é altísimo, sobre o resto de compañeiros. Dos 6 partidos que xogou marcou 3 goles en menos de 300 minutos. É de feito, con tan poucos minutos disputados o máximo goleador do equipo, e desde logo o máis rendible. Alá por outubro, Víctor Fernández dixo del: “tiene ángel”. Parafraseando o técnico maño, Lucas está sendo para o Dépor un anxo caído do ceo. 

Nesta renovada fe deportivista participan outros xogadores. Álex Bergantiños tamén segue a corrente. Leva un ano 2015 espectacular. Está medrando moito e neste momento é outra das pezas chave da nova imaxe do equipo. Aporta elementos ó xogo que dan un novo caracter ó equipo, máis perigoso en ataque. Descubriuse un Álex que dá asistencias, que coloca balóns profundos, que fai mover o equipo.  

Nesta xornada, o Dépor marcou o gol número 20. A ratio de gol por partido é moi baixa na estatística xeral, pero o arranque da segunda volta mostra unha nova dirección: 6 goles a favor e 3 en contra. Nos mesmos partidos da primeira volta os branco e azuis sumaron 4 puntos, na segunda sete.  

Con estes números, con esta melloría, os políticos farían unha gran festa. Pero no deporte ben é sabido que ata cruzar a meta non hai nada que festexar. 

A próxima parada da Liga é no Bernabeu, cun Madrid moi doído polo seu ridículo no Calderón. Quen sabe, se precisamente por iso, tamén é unha boa oportunidade. Os oito goles da primeira volta en Riazor foron un castigo excesivo. Hai feridas que purgar. Cun “anxo” infiltrado no equipo, cun chute de moralina inoculado e cun pouco de sorte e intelixencia, quen sabe. Por legado non será. Esta é unha boa semana para repasar vídeos e historia.

Comentarios