Opinión

Denunciar, reclamar, actuar

O informe final do Comité de expertos da Carta e as resolucións do Comité de Ministros do Consello de Europa son ben coñecidos e unha mostra da importancia do traballo desenvolvido pola Mesa pola Normalización Lingüística a través da Liña do Galego

Día a día constatamos o incumprimento da escasa lexislación e dos mínimos acordos democráticos que amparan o uso da nosa lingua. A impunidade nesta vulneración contrasta co cumprimento estrito e rigoroso das máis de 500 disposicións que obrigan ao uso do español, mesmo con penalizacións de diferente tipo aínda que impidan ao tempo o uso e presenza doutras linguas oficiais. Evidentemente a igualdade das linguas tan proclamada non é real se a súa posibilidade non ten iguais dereitos e iguais deberes en todos os ámbitos.

A vulneración de dereitos lingüísticos é unha agresión contra os dereitos humanos. Neste sentido vén de se pronunciar o relator especial para os dereitos das minorías nacionais do Alto Comisionado de dereitos humanos da ONU. Esta vulneración aínda se agrava coas diferentes formas de coacción para o uso do español que se denuncian a través do servizo A Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística. Limitar o uso do galego degrada o desenvolvemento social e democrático e ten consecuencias na vida económica.

É necesario dar a coñecer as discriminacións lingüísticas que sufrimos as persoas que lexitimamente queremos vivir na Galiza e en galego e é necesario facelo dentro e fóra das nosas fronteiras. Este é o obxectivo do Observatorio de dereitos lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística, dentro do que se encadra a Liña do Galego. Este servizo, único na Galiza, ofrece a posibilidade de denunciar situacións diversas que impiden a nosa vida en galego, mais tamén consultar dúbidas sobre o exercicio de dereitos ou dar parabéns e recoñecer os esforzos de quen cumpre malia as dificultades. En 2019 realizou 542 actuacións.

Os casos de vulneracións de dereitos lingüísticos recollidos en anos anteriores foron engadidos ao informe presentado pola Mesa, xunto con outras organizacións do Estado que forman parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas, ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU. Utilizáronse tamén como exemplos da vulneración dos compromisos adquiridos polo Estado español e a Xunta nos informes da Mesa sobre o cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas apresentados en Dublín en novembro de 2018 ao director do Secretariado do Consello de Europa para este tratado internacional e en decembro de 2018 en Oviedo ao Comité de expertos que avalía o seu cumprimento. O informe final do Comité de expertos da Carta e as resolucións do Comité de Ministros do Consello de Europa son ben coñecidos e unha mostra da importancia do traballo desenvolvido pola Mesa pola Normalización Lingüística a través da Liña do Galego.

Acabar con este estado de normalidade das agresións lingüísticas está na nosa man, como demostran os casos de IKEA ou a Fundación Catedral de Santiago, receptora de importantes axudas públicas, que só dipuxeron de opción en galego na súas webs após as queixas da Liña do Galego. Cómpre visibilizar a realidade, denunciar quen nos nega a posibilidade de utilizar a nosa lingua no noso propio país, como primeiro paso para reclamar que o dereito a utilizarmos e recibirmos galego ten que ser plenamente respectado. Só procuramos que o galego estea tan dispoñíbel, sexa tan audíbel en tan visíbel na Galiza como o castelán en Madrid. Nen máis nen menos.

Ante a ausencia de accións específicas da administración pública para que o galego estea presente cómpre unha maior activación da sociedade civil na reposición e normalización da lingua galega. Utilizando sempre o galego, exixindo dos diferentes gobernos que cumpran cos seus compromisos cara ao galego, actuando directamente para combater casos como os sinalados. Mais tamén dirixíndonos directamente por diferentes vías (redes sociais, correo electrónico, postal, teléfono) ás empresas para que muden a actitude e facer ver que somos moitas as persoas que reclamamos visibilidade e espazos de uso para o galego. Para iso está A Mesa pola Normalización Lingüística e a Liña do Galego, que se pode empregar vía correo electrónico ([email protected]), das redes sociais, do teléfono 981563885 ou da App para iOs e Android. Mais toda esta acción tamén precisa de mellorar e incrementarse, e iso só é posíbel aumentando a cantidade de socias e socios da Mesa. Perante a emerxencia lingüística, todas e todos facemos máis falta que nunca.

Comentarios