Denuncian o ERTE de GKN na Inspección de Traballo en Vigo

A CIG presentou denuncia do ERTE da empresa GKN en Vigo (Nós Diario)
photo_camera A CIG presentou denuncia do ERTE da empresa GKN en Vigo (Nós Diario)

A Inspección de Traballo e Seguridade Social (TSS) recibiu unha denuncia de irregularidades na aplicación do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) da empresa viguesa de automoción GKN, un dos maiores provedores de PSA Citröen. Delegadas e delegados da CIG aseguran que malia aplicarse este ERTE desde o pasado 8 de xuño por causas económicas e  técnicas estanse a realizar "horas extraordinarias en forma de prolongacións de xornada e traballos en fin de semana".

Nun comunicado, a central nacionalista remarca ademais que os despedimentos de persoal eventual realizados recentemente incumpren os acordos de contratación indefinida e demandou a fábrica de compoñentes pola "falta de equidade nos días de regulación e a ausencia de información sobre a regulación das súas afiliadas e afiliados". Así, critica que "non se respecte" o dereito de información da sección sindical. 

Sen comisión que avalíe os días de desemprego

Ademais, desde a CIG sinálase que o acordo alcanzado no marco do ERTE apunta á creación dunha comisión para cumprir o equilibrio nos días de desemprego do persoal traballador. A ese respecto, na denuncia reflectiuse que as afiliadas e afiliados á CIG "sofren máis días de regulación". De feito, recalcan como exemplo  que unha técnica de prevención "non foi nin un só día ao traballo" e que a empresa "empregou unha contrata para substituíla", aínda que a normativa non o permite.

Adicionalmente, a sección sindical entregou outra denuncia paralela na que informa á Inspección de Traballo do fechamento dos vestiarios do persoal na multinacional americana aplicado desde o inicio do estado de alarma, así como de que a empresa non buscou unha posíbel alternativa a esta situación mediante o comité de saúde laboral.

Comentarios