Denuncian coaccións no Grupo Cándido Hermida

Persoal desta empresa auxiliar de Inditex envía unha carta ao fundador da empresa pedíndolle que interveña contra a dirección da mesma.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con Cándido Hermida (Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con Cándido Hermida (Xunta)

Traballadoras e traballadores do Grupo Cándido Hermida, a compañía que dota de mobiliario as tendas de Zara, denuncian nunha carta dirixida ao seu fundador a gravidade da súa situación. Lembran que dela dependen "máis de 500 fogares" nalgúns casos desde cando era "un modesto taller de ebanistaría". 

Explican que nestes anos o medre se debeu a que o propio persoal puña "o seu coche para desprazarse ás montaxes ou adiantando cartos do propio peto para pagar as taxas dos aeroportos por levar exceso de materiais". O persoal de Cándido Hermida asegura que a nova dirección da compañía "pretendeu modificar a xornada laboral para tentar rebaixarnos máis aínda o pouco que xa cobramos". Ademais, indican que recibiron "coaccións e presións para que non asistísemos ás asembleas de traballadores nas que se tratou o tema".  Rematan pedíndolle ao fundador da compañía que actúe contra a dirección, "aqueles que malia ter demostrado a súa ineficacia teñen salarios tan altos que en comparación cos nosos raian na obscenidade", engaden.

ERTE até fin de ano en todas as súas empresas

O grupo Cándido Hermida anunciou que estenderá até final de ano o expediente de regulación de temporal de emprego (ERTE) para as oito empresas do seu grupo, que afectará a case 500 persoas.  A auxiliar de Inditex reduciu os seus ingresos polo feche de fronteiras e a imposibilidade de rematar proxectos fóra do Estado español. Forma parte das compañías que medraron xunto coa multinacional de Amacio Ortega. A súa facturación en 2019 superou os 50 millóns de euros. 

Comentarios